MOBILIDADE

Ponse en marcha a área de acollida de autocaravanas en Salgueiriños

24/01/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez, visitaron a nova área de servizo e punto limpo para autocaravanas do aparcadoiro de borde de Salgueiriños. Neste espazo, ademais de aparcar o vehículo, os usuarios poden abastecerse de auga e eliminar as augas residuais.

Ata agora, as autocaravanas podían estacionar no aparcadoiro de borde de Salgueiriños, pero non dispoñían de ningún outro tipo de servizo. A realidade é que estes vehículos precisaban encher os seus depósitos de auga potable e baleirar os seus depósitos de augas residuais.

Por este motivo, realizouse no estacionamento de borde de Salgueiriños un espazo de formigón liso e conectado á rede de sumidoiros onde a autocaravana pode realizar as tarefas de mantemento. A zona está dotada dunha reixa para o baleirado das augas grises. A súa instalación está preparada para que as devanditas augas pasen por un proceso de depuración ou desaugue na rede de sumidoiros sanitaria.

Tamén se colocou un punto de baleirado do casete químico, provisto dunha tapa de rexistro perfectamente hermética. Finalmente, instaláronse dúas billas, unha para auga potable e outra para a limpeza do casete químico e das zonas da área utilizada.

Sinalización
O investimento na obra foi de 12.000 euros máis IVE. Ademais, estase a traballar na sinalización do acceso ao estacionamento dende as distintas entradas da cidade. O plan de sinalización incide sobre todo no acceso norte da autopista, considerado como o máis lóxico para chegar ao aparcadoiro. Non obstante, hai autocaravanas que entran á cidade pola saída sur e este da autopista, así como pola estradas de Pontevedra, de Ourense, da Coruña, e de Muros e Noia, polo que tamén se sinalizarán estas zonas.

Nesta área de servizo queda prohibido sacar da autocaravana calquera elemento, como cadeiras, mesas, barbacoas, toldos ou tendais, así como as patas estabilizadoras. Isto sería considerado como acampada, a cal está totalmente prohibida pola ordenanza municipal.

O presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), Manuel Gil, acompañou ao alcalde e ao concelleiro na visita a esta nova área do estacionamento de Salgueiriños.

Documentos relacionados



Compartir: