MOBILIDADE

A tarifa de taxi ao aeroporto de Lavacolla manterase nos 20 euros en 2012

22/11/2011 O concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, presentou as novas tarifas de auto-taxi para 2012. A suba media é dun 2,45% e queda conxelada en 20 euros a tarifa ao aeroporto.

Albino Vázquez explicou que estas tarifas actualizadas están moi por debaixo do incremento do IPC para o sector dos transportes, que se sitúa en torno ao 8%. Destacou especialmente a conxelación do prezo do servizo ao aeroporto, así como das tarifas por maleta transportada, bicicletas e ou reserva.

Acompañou ao concelleiro na rolda de prensa o presidente da Asociación de Taxistas de Compostela, Jesús Pena, quen indicou que estas tarifas supoñen unha "fórmula equitativa", xa que unha subida maior das tarifas implicaría tamén unha redución de usuarios. Neste sentido, lamentou que, superado o Ano Santo 2010, o nivel de usuarios se reducira a niveis de 2006.

A tarifa mínima por quilómetro percorrido durante o día queda en 0,91 euros (0,89 en 2010), quedando a baixada de bandeira en 3,50 euros (3,40 no ano precedente). Neste punto, Penas explicou que este prezo, ao contrario que sucede noutros concellos, leva incluído 1.700 metros de percorrido ou cinco minutos.

O prezo por quilómetro percorrido en horario nocturno será de 1,37 euros, mentres que nos festivos o custo será de 1,14 euros. Se a percepción mínima polo día é de 3,50 euros, a da noite é de 4,90 euros e a dos festivos 4,15 euros. A hora de espera nestes tres casos custará 18,54, 27,65 ou 23 euros, respectivamente.

Cómpre lembrar que a tarifa de festivos aplícase a partir das 15:00 horas dos sábados. Ademais, os días 1 de xaneiro, 25 de xullo e 25 de decembro rexe a tarifa nocturna.

En canto aos suplementos, permanece invariable o de 0,50 euros por maleta ou vulto, e o de 3,10 euros por bicicletas ou reserva do servizo. Ningún destes suplementos é cobrado cando se está aplicando a tarifa nocturna.

Indicadores e novo taxi adaptado
Na reunión mantida co concelleiro, o presidente da Asociación de Taxistas tamén solicitou a colaboración municipal para a instalación de indicadores de inicio e fin de tarifa interurbana. Esta medida melloraría a información tanto para os usuarios como para os propios taxistas, que son os encargados de poñer en marcha manualmente o cambio de tarifa.

Ademais, Pena anunciou a entrada en funcionamento dun novo taxi adaptado, co que xa serán catro os dispoñibles na cidade. Existe a esixencia legal de que, antes de 2017, o 5% da flota de taxis deben ser accesibles. Co número actual de vehículos, 147, deberían ser obrigatoriamente sete os adaptados para esa data.

Sala Yago
Preguntado como concelleiro de Seguridade Cidadá pola ocupación da Sala Yago, Albino Vázquez indicou que "esta situación non se pode permitir". Indicou que xa os propietarios presentaron unha denuncia e que "van ser desaloxados" cando así o decidan o xuíz.

Compartir: