ALCALDÍA

O Nobel Richard Schrock cumpre co seu desexo de 40 anos de visitar Santiago

10/11/2011 O Programa ConCiencia 2011 trouxo desta vez a Santiago ao Nobel de Química en 2005, Richard Schrock. Horas antes de pronunciar unha conferencia, o científico e a súa dona foron recibidos en Raxoi polo alcalde, Xerado Conde Roa, e a Corporación municipal.

Richard Schrock asinou no Libro de Honra da cidade, agradecendo a "hospitalidade" recibida. El e a súa dona –lembrou- tiñan xa dende hai 40 anos o desexo de visitar Santiago de Compostela. Xa falando de ciencia, reivindicou a necesidade de seguir desenvolvendo a investigación malia a situación económica, porque "na ciencia está o futuro.

Tras a recepción en Raxoi, Richard Schrock dirixiuse ao CIQUS, onde varios grupos da USC lle presentaron as súas liñas de investigación. Xa para a tarde estaba prevista a súa conferencia, baixo o título Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005, na Aula Magna da Facultade de Química.

Richard Schrock
Richard Schrock (1945, EE.UU.) mereceu o Nobel -compartido con Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite "cambiar átomos de lugares". Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella).

O descubrimento do profesor Schrock, que na actualidade traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), proporcionou un novo xeito de unir fragmentos moleculares para obter moito máis rápido e dunha maneira menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras e, sobre todo, fármacos.

A traxectoria profesional do Nobel desenvolveuse sempre por centros de elite, dende a realización da tese na Universidade de Harvard at ao post-doc na de Cambridge para finalizar no MIT. Nese periplo por centros de primeira orde Schrock traballou ademais durante catro anos, entre 1972 e 1975, no Departamento de Investigación Básica da empresa farmacéutica Dupont.

Programa ConCiencia
ConCiencia, programa de divulgación científica da USC e o Consorcio de Santiago que dirixe Jorge Mira, busca difundir entre a cidadanía o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que promove intercambios entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito científico internacional.

A última visita desta sexta edición de ConCiencia será a do Nobel de Física en 1979, Sheldon Lee Glashow, o 13 de decembro.

Compartir: