CULTURA

Aitana Sánchez-Gijón recibe o premio Cineuropa na súa XXV edición

09/11/2011 Aitana Sánchez-Gijón foi a protagonista absoluta da gala de apertura da XXV edición de Cineuropa, que se celebrou no Teatro Principal.

A actriz recibiu un dos dous Premios Cineuropa 2011 cos que o festival quixo distinguir a traxectoria profesional de Sánchez-Gijón e a madurez e calidade do seu traballo. Á cerimonia, presentada pola actriz galega María Vázquez, asistiron o alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, entre outros membros da Corporación, así como o director de Cineuropa, José Luis Losa, o director da Filmoteca Nacional, José María Prado, e actores, actrices e representantes do mundo audiovisual galego.

Cineuropa premiou a Aitana nunha homenaxe ao seu traballo, vinculado a dous gañadores do Premio Cineuropa, Vicente Aranda, con quen protagonizou Celos, e Bigas Luna, que a dirixiu en dúas ocasións, en La camarera del Titánic e en Volaverunt, pola cal obtivo a Cuncha de Ouro á mellor actriz no Festival de San Sebastián. No transcurso do acto proxectarase a película Oviedo Express, de Gonzalo Suárez, coa que Cineuropa pretende reivindicar a que considera unha das mellores comedias españolas da última década.

Aitana Sánchez-Gijón traballou tamén con cineastas como Jaime Chávarri (Sus ojos se cerraron), Pilar Miró (El pájaro de la felicidad), Adolfo Aristarain (La ley de la frontera) ou Manuel Gomez Pereira (Boca a boca), ademais de con Gonzalo Suárez na comedia que, como diciamos, servirá hoxe de marco á entrega do Premio Cineuropa, Oviedo Express, na que hai un guiño ao personaxe de La Regenta que a actriz encarnou na serie de televisión. Aitana Sánchez-Gijón tivo, ademais, unha carreira moi activa fóra do noso país, traballando en Arxentina con Luis Puenzo (La puta y la ballena), en México con María Novaro (Sin dejar huella), en Hollywood xunto a Anthony Quinn e Keanu Reeves en Un paseo polas nubes e con Terence Stamp en E chegou o amor, en Francia cos irmáns Larrieu en Un homme, un vrai e na coprodución El maquinista, de Brad Andersn, xunto a Christian Bale.

Premio Cineuropa tamén para Jorge Drexler
Jorge Drexler, gañador dun Óscar e un Goya pola súa música para a gran pantalla, recibirá o segundo dos Premios Cineuropa 2011 o martes 15 de novembro. Unha gala, desta volta, singular, porque será, en realidade, un concerto do cantautor. Un recital gratuíto que o público poderá gozar previa retirada de localidades nas billeteiras do Teatro Principal ata completar o aforo. Unha programación especial que contará este venres, 11 de novembro, con outro concerto cinéfilo: o que acompañará a proxección do filme soviético A nova Babilonia, coa interpretación en vivo pola Real Filharmonía da partitura que Shostakovich compuxo para o mítico filme mudo.

Compartir: