COMERCIO

O Concello organiza un ciclo de talleres para o sector comercial de San Pedro dentro do Urbana Santiago Norte

24/10/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou un ciclo de talleres específico e gratuíto para o sector comercial do barrio de San Pedro, deseñado dentro do programa Urbana Santiago Norte co obxecto de dinamizar esta arteria comercial da cidade a través de accións prácticas e participativas, pensadas para un comercio de proximidade. Reyes Leis estivo acompañada pola técnica municipal de comercio Lucía Castro.

O programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten coma unha das súas liñas de actuación a recuperación de eixes comerciais, concretamente do corredor de Concheiros e arredores, arteria comercial, xunto coa Rúa de San Pedro, do barrio de San Pedro.

O ciclo constará de nove talleres prácticos, un seminario sobre coaching comercial e unha conferencia final. Desenvolverase dende o 25 de outubro, en que terá lugar o primeiro taller, Perfil do novo consumidor: captación e fidelización. O labor comercial, e rematará o 1 de decembro coa celebración da conferencia final. As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural de A Trisca, no local da Asociación Veciñal A Xuntanza e no salón de actos do Museo do Pobo Galego.

Cada un dos talleres e o seminario de coaching comercial celebraranse por duplicado, en diferentes datas e horarios, para facilitar a asistencia dos comerciantes do barrio interesados. Os talleres que se impartirán son: Comercio e TICS, Xestión e cálculo de prezos. Cálculo de beneficios; Converte o teu escaparate na túa marca diferencial; Actitudes e técnicas de venda: técnicas de negociación; Perfil do novo consumidor: captación e fidelización; Innova o teu negocio a través do visual merchandising; Deseño de promocións; O pequeño comercio innovador e creativo e Creación da marca 2.0. O seminario de coaching comercial contará con tres formadores especializados que interactuarán con grupos reducidos de entre 8 e 12 persoas.

Na conferencia final, intervirán tres representantes do sector comercial e empresarial da cidade. Na temática A adaptación ao cambio: experiencias contarase coa presenza do director xeral de Espagat Complejo Salud, Francisco Martínez Carregal, e o xerente de Iluminación Pérez Antolín, José Luis Pérez Fernández. A continuación intervirá Juan Carlos Vez Vázquez, socio director xeral de IDEAINNOVA, director xeral de BLU:SENS e profesor da Escola de negocios Novacaixagalicia e da Universidade de A Coruña, coa ponencia Queres mellorar as vendas da túa tenda? Prepárate cara o próximo Nadal reforzando con consellos prácticos o teu negocio e incentivando as vendas.

As inscricións poden facerse no correo electrónico inscricionspe@santiagodecompostela.gal ou chamando ao número de teléfono 981542493. Os interesados en participar poden pedir máis información no teléfono indicado ou ben na páxina web www. maiscompostela.org.

Documentos relacionados



Compartir: