ALCALDÍA

O Fórum Gastronómico manterá o seu nivel de calidade na edición de 2012

17/10/2011 A edición 2012 do Fórum Gastronómico, a terceira que se realizará en Santiago de Compostela, celebrarase os días 26, 27 e 28 de febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. O certame manterá as súas liñas mestras e o seu nivel de calidade, malia a redución orzamentaria.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, agradeceu aos directores do Fórum, Jaume von Arend e Pep Palau, o seu "importante esforzo por estar con nós en 2012, nun momento de dificultades dende o punto de vista económico". Tamén agradeceu ás diferentes Administracións o seu compromiso co certame.

Jaume von Arend tivo igualmente palabras de recoñecemento ao "esforzo do Concello por salvar o proxecto", e tamén para o sector hostaleiro da cidade. "Tivemos que facer axustes orzamentarios sen perder un ápice de calidade", indicou sobre unha edición de 2012 que terá tres días en vez dos catro das dúas anteriores convocatorias.

A este orzamento, segundo explicou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, o Concello achegará unha subvención nominativa de 100.000 euros, dos que o 70% se pagará en 2011 e o resto en 2012. Na anterior edición a achega municipal fora de 250.000 euros.

O Fórum manterá os formatos das anteriores edicións en Santiago, confirmou Pep Palau. Así, combinaranse os talleres e degustacións en directo máis especializadas coas demostracións de gran formato, que serán de balde, sen esquecer o capítulo expositivo. A colaboración das consellerías de Medio Rural e do Mar facilitará tamén a realización de actividades con produtores e cociñeiros galegos, de xeito que o certame "seguirá sendo a mellor plataforma de promoción dos produtos galegos", engadiu. Non se esqueceu tampouco da presenza de grandes nomes da cociña, cunha especial atención aos cociñeiros emerxentes.

Jaume von Arend mostrouse convencido do éxito, tomando como referencia que, malia a crise, na edición de 2011, celebrada en Girona, "seguimos medrando e xerando negocio, optimismo, intercambio de información e formación". Ademais, Pep Palau apuntou que a empresa segue a traballar coa ida de establecer Santiago de Compostela como sede fixa do Fórum Gastronómico

Documentos relacionados



Compartir: