CONSORCIO

Reale Seguros únese como patrocinadora ao 800 aniversario da Catedral

03/10/2011 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o director xeral de Recursos e Medios de Reale, José Ramón López Fernández, asinaron o acordo polo cal a compañía será unha das patrocinadoras do 800 Aniversario da Catedral de Santiago.

A través deste acordo de patrocinio, Reale Seguros, empresa aseguradora fortemente situada no mercado galego, colaborará na exposición A Cidade da Catedral. Compostela no século XIII e no plan de obras de restauración e mantemento que se realizará na Catedral e que están contempladas no seu plan director.

O oitavo centenario da Catedral de Santiago é un evento recoñecido como excepcional de interese público polo Goberno de España e xestionado desde o Consorcio de Santiago, que lidera deste xeito o programa de apoio ao evento. Este programa de apoio concrétase nunha serie de incentivos e bonificacións fiscais que se aplican ás empresas e entidades privadas que participan como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración que xira sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica.

Reale Seguros está situada na cuarta posición da clasificación de Seguros Xerais no mercado galego, e conta con seis oficinas repartidas en todas as provincias da Comunidade, ademais de 61 colaboradores e 184.035 clientes.

Compartir: