ALCALDÍA

Conde Roa di que a decisión sobre o mercado de gando se adoptará unha vez se teñan todos os datos e propostas enriba da mesa

29/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Mercados Reyes Leis, reuníronse cos representantes dos gandeiros, encabezados polos presidentes das asociacións AGEGA, Enrique Otero, e ASTRAGAL, Jorge Vázquez. No encontro falaron do futuro do mercado de gando de Amio.

Conde Roa manifestouse "disposto a escoitar todas as propostas" e emprazou aos gandeiros a unha nova reunión en vindeiros días. Nestes momentos, dixo, "ábrese unha etapa de presentar xa propostas concretas". Sobre a decisión final sobre o destino do mercado de gando, indicou que "se tomará unha vez que se teñan todos os datos enriba da mesa".

Sobre a proposta dos gandeiros de sufragar eles mesmos melloras no recinto de Amio –que estimaron en 200.000 euros- o alcalde apuntou que "os nosos cálculos son un pouco máis altos". Non obstante, engadiu, "máis que un problema de custos, sendo un problema importante, isto ten que ver coa propia ordenación do sector en Galicia", materia sobre a que dixo que está a Xunta traballando.

A este mesmo asunto se referiu logo no Pleno a concelleira de Mercados, Reyes Leis, reiterando que se estudará o plan de viabilidade que presenten os gandeiros, se ben aclarou que as estimacións municipais do custo das obras de mellora se sitúan entre os 400.000 e os 600.000 euros.

Respecto á situación actual do mercado cualificouna de "insostible". Detallou incumprimentos da normativa galega, española e europea; problemas de seguridade para animais e persoas; irregularidades na contabilidade das reses e insuficiencias de ventilación. Ademais, recordou que "a concesionaria leva dous anos sen cumprir os pagos e debe 220.000 euros".

Documentos relacionados



Compartir: