CULTURA

Música, cinema e literatura na xornada do martes 23 no Festival dos Abrazos

22/08/2011 O Festival dos Abrazos, que está xa na súa última semana, continúa a ofrecer unha programación completa e variada. Na xornada do martes 23 teremos música, cinema e literatura.

As 20:00 horas sairá da estatua de Rosalía de Castro na Alameda o roteiro literario con Inma López Silva e, a partir das 21:15 horas, en Mazarelos, haberá Curtocircuíto na Rúa: primeiro sesión co DJ Bigote Mix e, ás 22:30 h, proxeccións da sección By Galicia (se chove, estas actividades trasladaranse á Praza de Abastos). Ademais teremos dous novos concertos do Feito a Man: ás 20:00 h na Vía Sacra con Flu e a partir das 23.00 h na Virxe da Cerca con Ricardo Parada.

O segundo dos roteiros literarios enmarcados no Festival dos Abrazos sairá ás 20:00 horas da estatua de Rosalía de Castro da Alameda e estará guiado por Inma López Silva. O percorrido será: Ferradura, Vilar, Catedral, Acibechería, Cervantes, Cinco Rúas, Belvís, Mazarelos e praza da Quintana. Inma López Silva naceu en 1978 en Santiago de Compostela. É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002.

Dende moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi pronto, no ano 96, gaña o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago con Neve en abril. Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego en 2008.

Bigote Mix é o nome detrás do que se agocha cando pincha o activista musical compostelán Marcelino B. Dende principios de século vai realizando unha serie de CDs de mesturas que demostran que non é o mellor DJ nin o máis guapo pero si o máis carallán. Toca calquera pau sen medo ás críticas, a única finalidade é a diversión (tamén a del). Hip Hop, Cumbia, Electro, Kuduro, Pop, Funk, Bachata, Corridos, Grime, Nu-Rave, Rumba e moito pun-chis-pa-chis.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: