ALCALDÍA

O Goberno local adoptará unha decisión inmediata sobre o Fórum Gastronómico tras unha reunión cos organizadores

13/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, mantiveron un encontro de traballo con representantes de Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca. Tras a reunión, o rexedor expresou o seu desexo de "seguir mantendo unha relación directa, fluída e constante" cos hostaleiros composteláns.

Conde Roa e os representantes da Hostalería falaron sobre o estado de diversos temas, como o novo deseño da praza de Abastos ou as terrazas. Sobre este último tema, o alcalde apuntou que "chegaremos a unha solución e, se hai que facer unha modificación dunha ordenanza, farémolo de forma que non prexudique nin a hostaleiros nin a veciños". Así, sobre a instalación de calefactores nas terrazas, indicou que "non é tanto unha cuestión de si ou non, senón de chegar a un punto de equilibrio".

O alcalde e a concelleira visitaron tamén a aula de formación da Asociación. Valorou os cursos de "alto nivel" que alí se imparten e felicitou á entidade polo seu "labor social", xa que algúns destes cursos están dirixidos a desempregados.

Reunión polo Fórum Gastronómico
Preguntado polos xornalistas sobre a participación en 2012 no Fórum Gastronómico, Conde Roa anunciou que para a xornada de mañá xoves está prevista unha reunión cos organizadores do evento. "A partir de entón estaremos en condicións de tomar unha decisión definitiva e inmediata", afirmou. Neste encontro –dixo- agarda coñecer todo o relativo a cuestións coma os compromisos financeiros privados, custos, participantes, planificación, etc.

Compartir: