ALCALDÍA

A ONCE dedica un cupón ao 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago

05/07/2011 A Organización Nacional de Cegos quixo implicarse tamén na celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago. Con este motivo realizou un cupón conmemorativo, que foi presentado nun acto celebrado no Pazo Arcebispal. O alcalde compostelán, Xerardo Conce Roa, recibiu unha réplica deste cupón, que se venderá o domingo 10 de xullo.

"Facer un cupón que recolla unha efeméride tan importante para a nosa cidade supón unha honra e un motivo de orgullo e recoñecemento á importancia de Santiago como Patrimonio da Humanidade e centro de peregrinacións", indicou Conde Roa durante o acto de presentación do cupón. Ademais, aconsellou aos composteláns mercar este cupón o 10 de xullo, co convencemento de que "ademais de recordar o 800 aniversario da consagración da Catedral, algo vai tocar".

Ademais do alcalde compostelán, participaron no acto de presentación deste cupón especial o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o Deán da Catedral, José María Díaz; o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, e a presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Dolores Venancio, entre outras autoridades.

Esta iniciativa súmase á longa lista de colaboracións que empresas e institucións galegas e españolas veñen realizando co fin de difundir as actividades vinculadas ao 800 aniversario da Catedral de Santiago.

Compartir: