Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
ALCALDÍA

As obras do Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas da violencia de xénero licitaranse este mes de xullo

Rosa María Pedrosa e Xerardo Conde Roa asinan o acordo en presenza da secretaria xeral de Igualdade, Marta González.
Ampliar Rosa María Pedrosa e Xerardo Conde Roa asinan o acordo en presenza da secretaria xeral de Igualdade, Marta González.


05/07/2011 As obras de acondicionamento do edificio que albergará o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero vanse licitar este mes de xullo, cun orzamento de 458.565 euros e un prazo de execución de 6 meses. A licitación da obra vaise acometer tras a sinatura do documento de concesión do inmoble, de titularidade municipal, asinado esta mañá en Raxoi polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a secretaria xeral Técnica e do Patrimonio da Xunta de Galicia, Rosa María Pedrosa.

O alcalde expresou a "ledicia" que lle producía asinar este protocolo, en virtude do cal o Concello outorga a concesión deste inmoble á Xunta polo prazo de 15 anos, prorrogable por outros dous períodos consecutivos de 5 anos. O edificio ten 504 metros cadrados de superficie, distribuídos en dúas plantas.

A sinatura da cesión do edificio á Xunta para este uso representa un paso definitivo na tramitación do proxecto e pon fin a un proceso administrativo iniciado en 2007 co peche da Casa de Acollida Municipal para a súa conversión nun Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.

Atención multidisciplinar
O novo centro, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Traballo, ten como obxectivo a atención cunha perspectiva multidisciplinar das mulleres residentes en Galicia que sofren violencia de xénero e das súas fillas e fillos, mediante un sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

Conde Roa explicou que o complexo estará dimensionado para atender un grupo que pode oscilar entre 20 e 30 persoas. O seu equipo terá carácter multidisciplinar e estará formado por profesionais que desenvolverán programas específicos de atención nos eidos legal, psicolóxico, educativo e formativo, entre outros, orientados a favorecer o benestar individual e familiar das mulleres, en condicións de liberdade e igualdade.

Mediante terapias individuais e grupais, utilizarán técnicas de mellora da autonomía persoal, integración na vida social e laboral, recuperación de destrezas, habilidades e autoestima, normalización da relación familiar e restablecemento dos vínculos afectivos materno-filiais.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal