CONSORCIO

O artista iraní Mohammad Motamedi sustitúe a Nodira na segunda xornada do Festival de Músicas Contemplativas

16/04/2011 Logo de que a artista Nodira tivese que cancelar a súa participación no Festival de Músicas Contemplativas, ao non recibir permiso do goberno de Uzbekistán para saír do seu país, o equipo do Consorcio de Santiago conseguíu atopar un sustituto e evitar que se tivese que suspender o concerto programado para o martes 19 de abril. Así, o cantante iraní Mohammad Motamedi chegará a Santiago para ofrecer un recital de música tradicional persa, acompañado de dous expertos músicos, Abbos Kosimov (que tocará o doyra) e Sirojiddin Juraev (que tocará o dutar).

Mohammad Motamedi, autodidacta dende a adolescencia, converteuse nun modelo a seguir a partir de cancións de mestres como Taf Esfahani e Khansari Adib, beneficiándose tamén da orientación do desaparecido Hossein Omoumi. Traballa con varios grupos, cos que realiza extensas xiras dentro e fóra de Irán. O seu repertorio, clásico da música persa, perpetúase a través da tradición oral e consta dun corpus de pezas coñecidas como Radif.

Os modos persas constrúense a semellanza dos do antigo sistema grego, é dicir, mediante a conxunción de dous tetracordios (fragmentos de escala de catro notas). Estas escalas ou modos sempre teñen sete notas, sen cromatismos, aínda que a súa afinación varía algo en relación á occidental. Os ritmos resultantes afunden as súas raíces nas músicas folclóricas da rexión de Asia Central e que poderiamos denominar música clásica popular, da que é un dos seus máximos instrumentistas o mestre Abbos Kosimov.

The New London Consort abre o Festival
O VI Festival de Músicas Contemplativas arrinca cun completo programa que dará comezo o luns, 18 de abril, con The New London Consort, un conxunto de música antiga que indaga nos repertorios medieval, renacentista e barroco. Baixo a dirección de Philip Pickett, interpretarán, ás 20:30 horas, na Igrexa de San Agustín, pezas de Bach e Praetorius, relacionadas co tempo de Pascua.

O New London Consort, un dos conxuntos de música antiga máis aclamados, explora os repertorios medieval, renacentista e barroco. Os seus artistas principais son solistas de renome Os seus concertos e gravacións inclúen frecuentemente primeiras interpretacións modernas de obras inéditas, redescubertas e reconstruídas, así como de pezas coñecidas vistas dende unha perspectiva nova. Recentemente finalizaron unha extensa xira europea presentando a súa nova reconstrución de Dido & Aeneas 1700 (producida por Jonathan Miller), con representacións no Reino Unido, España, Países Baixos, Polonia, Hungría, Luxemburgo e Austria. O seu director. Philip Pickett, está considerado actualmente como un dos máis eminentes defensores da interpretación de música antiga con criterios históricos. Iniciou a súa carreira musical como trompetista antes de converterse nun dos flautistas máis prestixiosos do Reino Unido.

Espazos emblemáticos para escoitar e contemplar
Esta iniciativa cultural creada e organizada polo Consorcio de Santiago e ligada ao patrimonio histórico da cidade dispón como escenario as igrexas emblemáticas do casco antigo e que conxugan o binomio de cultura e patrimonio. Para a VI edición do Festival de Músicas Contemplativas escolléronse como espazos para a interpretación as igrexas de San Agustín, Ánimas, San Francisco, Santa Clara, Orde Terceira, San Martiño Pinario e Universidade.

O Festival une o poder da música coa riqueza do patrimonio histórico de Santiago, polo que ao pracer de escoitar únese o pracer de contemplar. A política de recuperación do patrimonio arquitectónico levada a cabo polo Consorcio adquire nesta nova edición do Festival gran protagonismo, dotando dunha nova dimensión a impresionante herdanza histórica e monumental dos edificios restaurados, converténdoos durante uns días en escenarios de primeiro nivel.

A entrada aos concertos do Festival de Músicas Contemplativas é gratuíta, retirano a entrada na hora e lugar do concerto. O aforo é limitado.

Compartir: