CONSORCIO

A igrexa das Ánimas recupera o seu esplendor orixinal logo de cinco anos de restauracións

16/04/2011 O Consorcio de Santiago desenvolveu un programa de recuperación que permitiu devolver o aspecto orixinal aos retablos da igrexa das Ánimas, realizados en estuco de xeso, algo insólito no norte peninsular. Os retablos foron descubertos nun acto de recoñecemento ao esforzo restaurador que permite agora contemplar o conxunto escultórico do templo liberado das suciedades, humidades e mutilacións que sufría dende hai décadas.

O acto contou coa presenza do presidente do Consorcio de Santiago, o alcalde compostelán Xosé A. Sánchez Bugallo e coas intervencións do reitor da Capela Xeral de Ánimas, Santiago Ferreiro; o director da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, Ángel Panero; e o historiador Miguel Ángel Cajigal, quen desgranou a historia construtiva da capela e dos seus peculiares retablos, realizados por encargo da Confraría das Ánimas a comezos do século XIX, de profundo arraigo en Compostela.

A presentación rematou cun breve programa musical, no que se interpretou o Stabat Mater de Pergolesi, coa música do órgano a cargo de María José Cerviño e as voces da soprano Rosa Vázquez e do contratenor Ramón Vázquez. Precisamente a imaxe á que fai referencia o Stabat Mater (A Virxe María ao pé de Xesús crucificado) é a representada no retablo maior da igrexa das Ánimas.

A Capela Xeral de Ánimas alberga no seu interior nove retablos realizados en estuco de xeso, algo insólito no norte da Península Ibérica, que representan diferentes escenas da Paixón, Morte e Resurrección de Xesucristo. Foron realizados entre 1805 e 1814 por Manuel de Prado e a tradición conta que moitos dos rostros representados foron sacados de veciños santiagueses da época.

O paso do tempo foi deteriorando os retablos, que perderon a maior parte da policromía e sufriron desperfectos e mutilacións nas figuras. A suciedade e as humidades tamén contribuíron ao seu deterioro, polo que durante moitos anos o conxunto escultórico presentaba unha apariencia grisácea e de abandono.

En 2006, o Consorcio de Santiago decidiu proceder á súa recuperación integral, axudando así a devolver o seu aspecto orixinal ao mellor exemplo de neoclasicismo en Santiago. Dous anos e medio de estudo e traballo serviron de base de actuación para o conxunto artístico. Nese tempo, o Consorcio asinou un convenio de colaboración co Opificio delle Pietre Dure (OPD) de Florencia e creou un obradoiro de formación para restauradores conservadores, o que permitíu coñecer as dificultades técnicas que encerra a elaboración do estuco de xexo.

Os técnicos da OPD centraron a atención no problema de consolidación do estuco. Das conclusións obtidas en colaboración co OPD desenvolveuse un primeiro proxecto para a intervención sobre dous retablos, de tal xeito que éstes serviran de mostra para a elaboración do proxecto definitivo dos sete restantes retablos da capela das Ánimas. Precisamente en abril de 2009, o Consorcio de Santiago presentaba ao público a espectacular recuperación do primeiro dos retablos, o da Caída. A partir de aí procedeuse á restauración dos restantes retablos. En paralelo puxéronse en marcha obras de consolidación e eliminación de humidades no exterior da capela. Tamén se procedeu a limpar o grupo escultórico que preside a fachada exterior da igrexa e que representa as almas no lume do purgatorio, que permitiu recuperar as súas cores orixinais. Por último instalouse un sistema novo de iluminación, que realza os detalles dos retablos.

Trátase polo tanto de cinco anos de traballos continuos nos que se investiron ao redor de 500.000 euros, correspondentes aos estudos previos, aos traballos de restauración e ás obras de conservación no exterior da igrexa.

De forma análoga, o Consorcio de Santiago editou unha publicación conmemorativa, extensa e pormenorizada, sobre o proceso restaurador, así como os datos históricos e artísticos relacionados coa construción da igrexa e dos retablos.

Logo da cerimonia de presentación dos renovados retablos, a igrexa será escenario de tres concertos do Festival de Músicas Contemplativas, programado para a Semana Santa.

Obra mestra de Manuel de Prado
Manuel de Prado realiza esta decoración escultórica da Capela entre 1804 e 1814, considerada como unha das súas obras mestras. As pezas plantéxanse como espello do mundo clásico, pois o estuco é unha técnica tipicamente italiana. Una técnica decorativa moi utilizada polos romanos e amplamente citada por Plinio e Vitrubio. Deste xeito protagoniza a recuperación estética e temática da romanidade durante o Renacemento, sendo rescatada despois durante o Neoclasicismo. Representan a Paixón, Morte e Resurrección de Xesucristo, mostradas nas diferentes estacións do Via Crucis: a Flaxelación, a Coroación de Espiñas, a Caída, o Levantamento da Cruz, a Crucifixión, o Descendemento, o Santo Enterro e a Resurrección. Así, os fregueses podían asistir ás liturxias nun escenario cargado de devoción, misticismo e catequese.

Os retablos de Manuel de Prado están ligados á fundación da Confraría Xeral de Ánimas en 1655. Esta confraría estaba formada por clérigos e laicos ilustrados pertencentes á nobreza e á Universidade. Un colectivo que exerceu o apostolado, impregnado dun profundo carácter franciscano e un elevado sentido da caridade cristiá. Tratábase dunha agrupación que exercía a solidariedade veciñal e que influía sobre a sociedade urbana do momento grazas á solvencia económica do grupo.

A igrexa das Ánimas terminouse de construír en 1788, converténdose no máximo exemplo de arte neoclásico da cidade. O programa escultórico de Manuel de Prado evoca a concepción escenográfica das capelas dos Sacromontes europeos e a especial importancia do Vía Crucis, en estreita conexión co carácter da propia Confraría Xeral de Ánimas.

Compartir: