CONSORCIO

Máis de 3.000 persoas participan na aperta humana á Catedral de Santiago

09/04/2011 O Consorcio de Santiago deu por inaugurada a conmemoración do 800º aniversario da consagración da Catedral de Santiago cun abrazo humano ao redor da basílica. O acto de participación cidadá Compostela abraza a súa catedral reuniu a máis de 3.000 persoas formando unha enorme cadea humana, ás que, segundo estimacións, sumáronse unhas 2.000 persoas máis nas inmediacións da Catedral, que gozaron da animación de rúa por parte de asociacións e colectivos culturais da cidade. Polo tanto, pódese dicir que máis de 5.000 persoas participaron no evento.

Os cidadáns rodearon o perímetro da Catedral cun anel humano como símbolo do agarimo, recoñecemento e orgullo cara á basílica que se converteu nun centro de peregrinación internacional. As campás da Catedral de Santiago soaron ás 13.00 horas, ao mesmo tempo que os participantes realizaban coas súas mans unha xigantesca onda que uniu á cidadanía nun abrazo multitudinario.

O acto contou coa participación do presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen comezou a onda, así como o arcebispo de Santiago, Julián Barrio ou o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Durante o acto, Sánchez Bugallo asegurou que este acto representa "un xesto cidadán de respecto, aprecio e admiración á Catedral como referencia absoluta da cidade".

Ademais, como preparación a este gran abrazo, nestes días, os escolares de Santiago dispuxeron dun material didácico que lles permitiu coñecer mellor e descubrir novos aspectos sobre a historia da Catedral, a orixe de Compostela e o Apóstolo Santiago.

A convocatoria cidadá deste acto realizouse tamén a través das redes sociais Facebook eTuenti, e asociacións culturais de Santiago de Compostela.

Este acto forma parte do programa de actividades culturais do 800º Aniversario da Catedral, que contempla a celebración de máis de 40 eventos culturais. Dende abril ata decembro, desenvólvense actuacións de recuperación do patrimonio do conxunto catedralicio, exposicións, concertos e eventos gastronómicos.

Durante este mes de abril realizaranse distintas actuacións musicais e culturais para conmemorar o aniversario da Catedral. Así, o Pazo de Fonseca acolle xa a exposición Domus Iacobi, inaugurada nesta mesma xornada. Repasa a historia da Catedral de Santiago, custodia do sepulcro do Apóstolo e meta de peregrinación. Unha viaxe a través do tempo para comprender mellor as claves da historia e a arte da Catedral a través de varias das pezas máis singulares do seu patrimonio, algunas presentes por vez primeira fóra das súas localizacións habituais e outras, procedentes de coleccións particulares, que voltan por uns meses a Compostela sumándose á celebración dos 800 anos da consagración.

Ademais, a Real Filharmonía de Galicia actuou xunto á Capela Compostelá na Catedral cunha selección de obras de mestres de capela da propia basílica xacobea e o 16 de abril inauguraranse os retablos restaurados da igrexa das Ánimas.

A Catedral que impulsou a creación de Santiago
O Plan Director da Catedral establece un programa de recuperación e de mantemento que conta cun orzamento de 24 millóns de euros. Un conxunto de obras de restauración que garanten a conservación do patrimonio histórico e artístico da Catedral de Santiago.

A Catedral de Santiago ten a súa orixe nunha pequena igrexa sobre a que se construíu a actual basílica que exerceu de eixo neurálxico e de peregrinación mundial sobre o que se foi construíndo a cidade.

O 21 de abril de 1211, o bispo Pedro Muñiz consagrou nun acto solemne a catedral románica dedicada ao Apóstolo Santiago. 800 anos despois, o acto do abrazo cidadán á Catedral inaugura un programa cultural que ensalzará a riqueza do patrimonio histórico de Compostela e a súa Catedral.

Direccións relacionadas



Compartir: