ALCALDÍA

A nova terminal de Lavacolla triplica a superficie da actual e ten capacidade para catro millóns de viaxeiros ao ano

28/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario de Estado de Transportes, Isaías Táboas, visitaron as obras do novo edificio terminal do Aeroporto de Santiago. Ao acto asistiron tamén o presidente de Aena, Juan Lema, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro. A nova infraestrutura supón unha profunda transformación do aeroporto, que se converterá nunha instalación moderna e funcional con capacidade para atender ata catro millóns de pasaxeiros ao ano, cos máis altos niveis de seguridade e calidade.

Sobre a nova terminal, o alcalde indicou que "está chamada a cambiar a relación da nosa cidade co transporte aéreo". Neste sentido, contribuirá a reafirmar un aeroporto de Lavacolla que "consolidou e avanzou no seu posicionamento no sistema aeroportuario galego", polo que se mostrou "moi satisfeito polos resultados acadados e pola súa aposta estratéxica".

Para valorar a dimensión deste "referente arquitectónico da cidade", apuntou que se trata do "equipamento máis grande que tivo nunca Santiago, cun total de 215.000 metros cadrados". Tras recordar que no Plan Director anterior (2002) estaba previsto que as obras concluísen en 2013, afirmou que a nova terminal "estará lista previsiblemente para setembro deste ano".

Este novo edificio é o fito máis destacado do proxecto da nova área terminal do aeroporto de Santiago, que inclúe un novo estacionamento de vehículos, novos accesos, unha nova plataforma de estacionamento de aeronaves e unha nova central eléctrica. En total, o Ministerio de Fomento, a través de Aena, investirá nestas infraestruturas máis de 270 millóns de euros.

O novo edificio terminal, de 75.000 metros cadrados, triplica o tamaño do actual e está formado por dous corpos diferenciados: o procesador e o dique.

No edificio procesador realizaranse todos os procesos de facturación e recollida de equipaxes. Nunha primeira fase disporase de 23 mostradores de facturación, un deles destinado a equipaxes especiais, e catro hipódromos de recollida de equipaxes. Este edificio tamén acollerá todas as dependencias e instalacións que precisen as empresas que desenvolven a súa actividade no aeroporto.

O dique é a construción máis recoñecible da nova terminal pola súa característica forma de "y". Contará con catorce portas de embarque, cinco delas con pasarela. Neste edificio tamén estarán as zonas comerciais e de restauración.

Estacionamento para 3.500 vehículos
Outra das actuacións que se están acometendo é o novo edificio de aparcamentos, de 140.000 metros cadrados, configurado en cinco plantas e cunha capacidade para 3.500 vehículos. Este edificio está situado fronte ao novo edificio terminal e a conexión entre ambos realízase mediante corredores en distintos niveis, sen necesidade de cruzar a dársena pola que acceden os vehículos ata o edifico terminal. Ademais, contará cun estacionamento con capacidade para doce autobuses que estará situado ao mesmo nivel que a zona de chegadas.

A nova central eléctrica estará equipada para poder subministrar a potencia requirida polas ampliacións. Esta infraestrutura estará dotada das instalacións necesarias de alumeado, climatización, detección e extinción de incendios, megafonía e protección contra raios. En situacións de emerxencia, a potencia eléctrica que poderá subministrar a nova central triplica o subministro actual.

Todo este conxunto de actuacións compleméntase cunha nova plataforma de estacionamento de aeronaves de 160.000 metros cadrados. Disporá de quince postos de aparcamento de aeronaves, cinco deles asistidos con pasarela.

Máis de 1.300 persoas traballan cada día nas obras que configurarán a nova área terminal do aeroporto de Santiago.Os proxectos de ampliación de plataforma de estacionamento de aeronaves, da central eléctrica e do sistema de inspección de equipaxes en bodega están cofinanciados polo Fondo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER).

Compartir: