ALCALDÍA

Confortables escaleiras e sinxelas referencias lineais para San Clemente

25/03/2011 A reurbanización da área de San Clemente supuxo un cambio total na súa topografía. Ademais, os veciños e visitantes atópanse agora cos restos da fonte do século XVI aparecida no lugar. A piques de rematar os traballos, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o lugar acompañado pola concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira.

A aparición da fonte fixo que se tivera que reformular o proxecto e provocou algunha demora na execución. Non obstante, Pedreira apuntou que "hai que valorar o feito como enormemente enriquecedor para o coñecemento do noso pasado colectivo, en definitiva, para o coñecemento da historia da nosa cidade". A profunda remodelación da zona implicou a desaparición de muros e ramplas. No seu lugar aparecen confortables escaleiras e sinxelas referencias lineais.

En total reurbanizouse unha superficie de 2.365 metros cadrados. O espazo tratado foi inferior ao previsto inicialmente, xa que, como consecuencia do descubrimento da fonte, un tramo da rúa Raxoi non quedou ao final incluído nesta actuación. O tratamento da área na que se atoparon os restos do manancial foi obxecto dun proxecto propio e diferenciado. O orzamento das obras ascendeu a 921.000 euros.

Compartir: