CIDADE HISTÓRICA

"Compostela 2021. A cidade intuída" presenta as súas propostas aos veciños

28/02/2011 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou o programa das sesións abertas do congreso Compostela 2021. A cidade intuída, que se celebrará este martes, mércores e xoves no Teatro Principal dende as 17:30 horas. Durante a presentación deste programa, a edil estivo acompañada por Javier Fernández, xefe de servizo da OCHiR e un dos coordinadores do congreso.

A concelleira quixo convidar a toda a veciñanza a "participar e repensar colectivamente a cidade na que desexamos vivir neste século XXI", explicando como despois da primeira fase, "na que se reflexionou sobre as tres grandes áreas de patrimonio cultural no territorio, contextualización na cidade comtemporánea e espazo público na cidade histórica", agora pasamos a unha segunda fase que se corresponde "con estas xornadas abertas ao público nas que se exporá e someterá á opinión da veciñanza os resultados destes traballos previos".

Xa entrando nos contidos de cada unha das xornadas, Olga Pedreira indicou que, o día 1 de marzo, "presentaranse, sempre apoiadas no audiovisual, as propostas para os ríos, camiños e núcleos tradicionais, dentro da área dedicada ao Territorio, dende as 17:30 horas". Logo virá unha doble conferencia, ás 19:30 horas, de Pedro Riera, realizador de proxectos tan coñecidos como o Edifici Central de Fecsa en Barcelona, e Cristina Guedes, que ten traballado activamente no estudio de Álvaro Siza.

O 2 de marzo será o momento de reflexionar sobre a conexión entre a Cidade Histórica e a Cidade Contemporánea, coa presentación dos traballos vinculados ao barrio de San Pedro-Belvís, á zona da Porta Faxeira-Senra-Praza de Galicia e á zona das Hortas, tamén ás 17:30 horas. Posteriormente, ás 19:30 horas, será o turno dos conferenciantes dese día: Juán Domingo Santos, que ten investigado ao redor da intervención sobre o patrimonio, e Manuel Gallego Jorreto, todo un referente da arquitectura en Galicia e no resto do España.

O último día, o xoves, será o dedicado á Cidade Histórica propiamente, con propostas para o ámbito de intramuros, para a Virxe da Cerca-Fonte de Santo Antonio-Praza de Galicia e para San Roque-Basquiños. Os conferenciantes dese día serán José Miguel Iribas, sociólogo especializado na diagnose territorial, urbanística é habitual colaborador en plans de ordenación urbana, e Xaime Subiela, sociólogo e politólogo que ten sido director-técnico do proceso participativo para a definición de usos e contidos da Cidade da Cultura.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: