COMERCIO

Castelcan, Pérez Antolín e Seguridade A1, premiados na edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo "SCQ Shopping"

15/02/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os comercios gañadores da Edición de Nadal do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. O primeiro clasificado foi Castelcan, o segundo Pérez Antolín e o terceiro Seguridade A1.

Dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, o Concurso de Escaparatismo ten como obxectivo contribuír á dinamización e mellora dos establecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. A esta edición de Nadal presentáronse 29 comercios, pertencentes aos sectores da moda e complementos, alimentación, artesanía, óptica, iluminación, fotografía, entre outros.

O establecemento clasificado en primeiro lugar foi Castelcan, unha tenda de venda de animais e especializada en toda clase de produtos e accesorios para eles, situada na rúa de García Prieto, 10. O xurado valorou especialmente a orixinalidade do escaparate, que recrea unha vivenda a través de cuxas fiestras se amosan os seus produtos, os cales son ademais preparados como reclamo de agasallo para as nosas mascotas: peluches, cestiñas para cans e gatos, etc.

O segundo premio logrouno Pérez Antolín, unha tenda de iluminación situada na rúa República Arxentina, 24. O xurado valorou especialmente a ambientación do escaparate. Destaca no mesmo, como eixo central, unha lámina da Catedral. O escaparate, acorde co produto da tenda, xoga coa iluminación e traslada o espectador a un escenario de Nadal de cores nocturnas.

O terceiro premio foi para Seguridade A1, unha tenda especializada en produtos de seguridade, situada tamén na rúa República Arxentina, neste caso no número 29. O xurado valorou especialmente o coidado e sinxeleza na ambientación e integración de elementos típicos do Nadal con produtos da propia tenda tales como alarmas, cámaras de vixilancia ou extintores, elementos a priori non sinxelos de integrar nunha decoración, e máis de Nadal.

Orixinalidade e eficacia
No Concurso, organizado por Promoción Económica e Comercio dende o ano 2004, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTÉS, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego.

O xurado, reunido o 22 de decembro, está integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Segundo establecen as bases valora conceptos como a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos.

O motivo de non dar a coñecer con anterioridade os comercios gañadores estriba en que unha vez que o xurado propón os comercios premiados, o Concello inicia o expediente correspondente tendente a acreditar que cada un dos comercios propostos está ao corrente nas súas débedas con facenda e seguridade social e posúe as licenzas correspondentes. Ditas esixencias figuran nas bases do concurso e veñen impostas pola normativa aplicable, entre outras, a normativa de subvencións.

Compartir: