CIDADES PATRIMONIO

A oferta turística e cultural de Santiago de Compostela, na India

11/02/2011 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que forma parte Santiago de Compostela, finalizou a súa participación nas xornadas de promoción e comercialización dirixidas a empresas do sector e institucións que organiza Turespaña na India.

Dende o luns 7, o Grupo tivo a oportunidade de promocionar de forma directa a oferta turística e cultural de Santiago e das outras 12 cidades que o compoñen. O encontro contou na súa sesión inicial coa participación do director da Oficina Española de Turismo en Bombay, Miguel Nieto, quen abriu as xornadas en Delhi, para dar paso posteriormente a unha serie de presentacións e workshops que se estenderon durante cinco días, tanto en Delhi como en Bombay.

India é o mercado emisor emerxente con maior potencial do mundo e, para España, constitúe o segundo mercado asiático clave, despois de Singapur. Os dous países asinaron en abril de 2009 un memorándum de entendemento en materia turística, para o intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito do marketing turístico, creación de produtos turísticos, formación e cooperación entre os sectores privados de ambos países.

A maioría das viaxes dos indios a Europa, exceptuando ao Reino Unido (visitas a familiares e amigos) ou a Alemaña (feiras) ten unha motivación cultural: coñecer outros países ou cidades importantes e gozar da experiencia de estar neles. De aí que o 65% das viaxes sexan de turismo cultural e de cidade. Caracterízanse por ser turistas curiosos e aventureiros, apaixonados polas compras e con grande experiencia viaxeira. Son potenciais consumidores do turismo de luxo e de golf.

O Grupo Cidades Patrimonio participou en ocasións anteriores en actividades organizadas tamén por Turespaña e dirixidas ao mercado indio como os Encontros Empresariais realizados en Sevilla en febreiro 2010 e as Xornadas Directas en Goa, Bombay e Delhi no ano 2007.

Acerca do GCPHE
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: