EDUCACIÓN

O Premio Ánxel Casal saca á luz un ano máis novos valores da creación literaria en galego

10/02/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, acompañada polo director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, presentou as bases da convocatoria da XVI edición do Premio Literario Ánxel Casal, nas súas modalidades de conto, poesía e teatro. O certame, dirixido ao alumnos a partir dos 14 anos dos centros de ensino secundario de Galicia, repartirá 5.100 euros en premios.

No ano no que se cumpren 75 anos do falecemento de Ánxel Casal, o premio literario que leva o seu nome seguirá sacando á luz novos talentos da literatura en galego. Neste sentido, Mercedes Rosón recordou a cada vez maior calidade dos traballos presentados cada edición.

Esta será a segunda convocatoria na que colaborará Edicións Xerais de Galicia coa publicación das obras gañadoras. De feito, o libro cos traballos triunfadores da edición de 2010 está a punto de ser publicado, segundo indicou Manuel Bragado. Este destacou o "valor educativo" do Premio e a súa utilidade como "acicate para os novos creadores". Ademais, este ano o galardón –indicou- quere ser motivo de reflexión ao redor da figura de Ánxel Casal cando se cumpren 75 anos da súa morte.

O Premio ten unha importante dotación económica para estas idades, xa que haberá un premio de 1.000 euros para o primeiro e outro de 700 euros para o segundo en cada unha das tres categorías: conto, poesía e teatro. As obras, escritas en galego, serán inéditas e o tema é libre. O prazo de admisión de traballos finalizará o 25 de marzo de 2011. Os premios entregaranse nun acto público en Raxoi.

Na lembranza de Ánxel Casal
O Premio Literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2011 é o IES Rosalía de Castro o que formará parte do xurado en calidade de coorganizador do certame.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Documentos relacionados



Compartir: