ALCALDÍA

Unha gran nave na Almáciga permitirá á mocidade de Santiago de Compostela desenvolver as súas inquietudes artísticas

03/02/2011 O alcalde do Concello de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentaron en Raxoi o proxecto para a construción do Centro Xove de Creación Cultural. A Nave. O edificio, que estará situado no contorno do CEIP Apóstolo Santiago, no monte da Almáciga, rematarase no mes de xullo.

Sánchez Bugallo explicou que se trata dunha actuación incluída no programa Urbana Santiago Norte, que contribuirá a "dinamizar a zona da Almáciga". En palabras de Baqueiro, o proxecto será un espazo anexo ao aulario, xa construído e equipado para impartir obradoiros e actividades plásticas. "A Nave é un edificio multifuncional pensado para crear producións artísticas que requiran un espazo de grandes dimensións e boas condicións técnicas", explicou.

O edificio centrarase en catro grandes áreas de participación e creación: música, novos creadores, escena e cine e audiovisual. En primeiro lugar, a instalación albergará unha programación de concertos dos grupos dos locais de ensaio de San Lázaro e dos participantes do certame MúsicaXove, ademais de ofercer master class e realizar gravacións de maquetas e o deseño do book promocional das bandas.

Dentro desta temática, o concelleiro de Xuventude anunciou que se vai promover a produción dun musical sobre a historia da música pop española dende os anos 60 ata os nosos días, pasando por todos os estilos de música e bailes como o rap ou hip hop. "Realizaremos un casting de onde sairán os futuros cantantes e bailaríns da produción entre a xuventude da nosa cidade, indicou.

Tamén neste centro se mostrarán exposicións dos artistas que cursen os obradoiros de pintura, grafitti ou modelado do aulario. Traballarase en talleres de realización de curtametraxes e videoxogos coa técnica machinima e outros obradoiros de videocreación. Dentro desta disciplina, está previsto organizar o Festival Nave, con obras eclécticas respecto aos xéneros, técnicas e disciplinas artísticas. Serán obras que foxen do tradicional, mesturando modos de expresión e combinando animación, arte urbano, internet, machinima, videoart, danza ou videoclip.

Na área da escena, na Nave formarase un grupo estable de teatro, composto por mozos e mozas de distintas idades que traballarán na montaxe teatral, escenografía, imaxe e son, vestiario, dirección, atrezzo e interpretación.

En relación ao cuarto bloque cinematográfico e audiovisual, os rapaces e rapazas que decidan probar esta disciplina traballarán con cámaras de vídeo dixital para facer curtas. "Comezaremos cun documental sobre os traballos realizados na Nave, e tamén está prevista a organización dun festival de curtas e videoclips, así como ciclos e documentais musicais", apuntou Baqueiro.

Detalles do proxecto
No acto tamén participou o arquitecto encargado do proxecto, Alfredo Varela, que explicou os detalles técnicos da construción da Nave, á que definiu como un "novo volume polivalente para diversas función creativas vinculadas á música e ás artes". O edificio estará articulado co aulario a través dunha rampla de acceso e disporá no seu centro de iluminación natural grazas a un gran lucernario.

A Nave terá un volume principal e unha zona de camerinos, cunha superficie total de 370 metros cadrados. Entre o aulario e a Nave conforman unha intervención de 1.120 metros cadrados. O proxecto conta cun investimento final de 272.037 euros, dos cales 224.027 están destinados á obra de edificación, 14.160 para o proxecto e 33.850 para equipamento de son el luces.

Esta iniciativa forma parte das accións do programa Urbana Santiago Norte, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: