ALCALDÍA

O alcalde marca o prazo dun mes para unha resposta definitiva sobre o voo a Bruxelas

02/02/2011 "Plantexámoslle a Ryanair que necesitamos un mes para tomar determinadas decisión", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, en relación á proposta desta compañía para unha conexión de Lavacolla con Bruxelas. Á vista da negativa dalgúns axentes sociais da cidade a achegar o 25% do custo desta liña, decidiu abrir un prazo dun mes no que se estudará "calquera alternativa" que se poida presentar.

O alcalde indicou que a Asociación de Hostaleiros se comprometeu a achegar ata 50.000 euros para esta conexión, pero que Acotes, a Cámara de Comercio e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre afirmaron non estar en condicións de facer ningunha contribución económica. Estas entidades e os demais integrantes da Comisión de Seguimento do Aeroporto poderán expresar a súa postura neste órgano, xa que Sánchez Bugallo decidiu convocalo para o luns 7.

En calquera caso, manifestou que a posición municipal seguirá sendo a de que "se hai unha oferta interesante, o Concello poderá pagara ata o 75% e o 25% restante os axentes sociais". Interpelado pola posibilidade de asumir unha porcentaxe maior, apuntou que "probablemente poderiamos suplir a diferenza, pero ¿deberiamos facelo?, preguntouse o alcalde, "porque esta decisión debe responder ao interese xeral do conxunto da sociedade e non só ao dunha institución pública".

"Se hai algunha proposta mellor que a de Ryanair, nós estamos dispostos a estudala, pero mágoa que non se nos plantexara con antelación", comentou Sánchez Bugallo. Ademais, sobre o prezo da conexión, indicou que "non creo que a proposta que se nos fai a nós sexa peor que a que se lle fixo a Turgalicia" para os voos de Londres, Frankfurt e Milán. Nese sentido, recordou que estivera na mesa da Xunta unha proposta de 200.000 euros por conexión en outubro, pero que cando o Concello tivera coñecemento da mesma, esta xa prescribira.

Lembrou que Ryanair ofrecera comezar as operacións co aeroporto belga de Charleroi no mes de abril, a razón de tres voos semanais en cada sentido. O importe solicitado pola compañía alcanzaba os 350.000 euros anuais para un convenio por tres anos. Sobre o financiamento municipal do 75% desta conexión, o alcalde apuntou a posibilidade de realizalo a cargo de remanentes e non dunha modificación de crédito orzamentario.

Compartir: