CONSORCIO

O estudo de arquitectura Pesquera Ulargui gaña o concurso para a construción do Instituto de Ciencias do Patrimonio

26/01/2011 O estudo de arquitectura Pesquera Ulargui será o encargado de desenvolver o proxecto de construción do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas, que terá a súa sede en Santiago de Compostela, no espazo verde das Brañas de Sar. A súa proposta foi a elixida polo xurado ao remate da segunda fase do concurso, no que se examinaron seis propostas diferentes.

A decisión do xurado foi remitida ao CSIC que, no marco dun procedemento negociado, adxudicou o proxecto e a dirección da obra a Pesquera Ulargui. Este estudo de arquitectura, asentado en Madrid, está formado polos arquitectos Jesús Ulargui e Eduardo Pesquera, e entre os seus últimos traballos destacan a remodelación do Museo de Pontevedra, o Centro de Congresos de Ibiza ou a renovación da Universidade de Comillas. Tamén foron invitados a participar na Bienal de Venecia en 2008, como novas promesas da arquitectura.

Entre outros aspectos, a proposta gañadora foi seleccionada en base á súa integración no entorno e á resolución arquitectónica e funcional do programa. Tamén se consideráron aspectos como a sinxeleza e a economía da construción, o aforro no consumo de enerxía, a xestión da auga ou o custo do mantemento posterior do edificio.

O xurado do concurso, presidido polo director da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, Ángel Panero, estivo formado polo coordinador institucional do CSIC en Galicia, Uxío Labarta (que actuou como secretario); o xefe de Área da Oficina Técnica de Obras do CSIC, Alfonso López Marín; o xefe do Servizo de Planeamento e Xestión do Concello de Santiago, Carlos Blanco; e os arquitectos Víctor López Cotelo e Ángel Fernández Alba.

As restantes cinco propostas finalistas pertencen aos estudos José Llinás i Carmona, Oscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela; Estudio Barozzi Veiga e Sabín Blanco Arquitectos; Gonzálo Moure Lorenzo e Enxeñeiros e Arquitectos Consultores IDOM.

Anthropos
Baixo o lema "Anthropos", Pesquera e Ulargui presentaron o seu proxecto para o novo edificio, que destaca pola súa funcionalidade, a súa integración na paisaxe e a súa eficiencia enerxética. A súa arquitectura apenas sobresae do terreo e está conformada por diferentes estruturas cúbicas interconectadas entre si e que conteñen tanto os despachos, na súa parte externa, como os almacéns, laboratorios e centro de documentación, na súa parte interna.

O xurado destacou do proxecto gañador o seu sentido do lugar e da economía, que se integra con facilidade na paisaxe, e que responde con fidelidade ao programa de necesidades do centro. A organización interna de funcionamento diario resólvese practicamente nun só nivel, e o acceso e a parte pública situados no nivel superior son representativos e facilmente illables do resto do edificio. Valorouse moi positivamente a integración e proximidade dos espazos de traballo individuais, comúns, de laboratorio e de servizo, así como a rúa interior proposta, que organiza o tránsito e serve de interfaz entre os cubículos individuais e os espazos comúns, e posibilita diferentes tipos de accións e usos, como descanso, socialización, reunións informais...

Destaca a orixinalidade da cuberta, conformada por un manto vexetal, que actúa a modo de alfombra verde en continuaidade coa paisaxe. Os despachos ábrense ao oeste, sobre a ladeira, a modo de ollos sobre a cidade e as Brañas de Sar. Estas estancias están tratadas coma mobles, o que permitirá unilas ou separalas segundo as necesidades.

No que se refire á enerxía, a nova construción será un edificio de fácil mantemento, capaz de xestionar os recursos enerxéticos de forma eficiente. Os materiais construtivos e os revestimentos garanten o maior aforro posible e, grazas á adaptación do edificio ao terreo e á súa cuberta vexetal, unha cámara de aire intermedia e ventilada permitirá, mediante un sinxelo sistema de apertura e peche en verán e inverno, que o circuíto de renovación de aire por "plenum" sexa utilizado como aporte gratuíto de frío e calor para o illamento. Tamén contará cunha implantación de chan radiante e un conxunto de paneis termodinámicos para a produción de auga quente. O novo edificio ocupará unha superficie total construída de 3.776 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas. Esta superficie esgota a edificabilidade prevista polo PXOM na área das Brañas de Sar.

A construción do edificio suporá un investimento por parte do CSIC de 6.103.000 euros

O Instituto de Ciencias do Patrimonio
Dende o Consorcio de Santiago e o CSIC considérase de grande importancia este concurso, xa que foi convocado co obxecto de garantir a maior calidade posible para o futuro centro, un edificio que, ademais de funcionar ben, sexa por si mesmo unha declaración de boa arquitectura e integración no territorio. En definitiva, patrimonio arquitectónico para a cidade e unha lección de integración na paisaxe -as Brañas de Sar- espazo verde de primeira magnitude no futuro urbano de Santiago.

Este centro de referencia nacional require unhas instalacións moi específicas e especializadas, co obxectivo de responder ás diferentes actividades científicas que albergará. Nel traballarán arredor de 100 investigadores, no que será un centro pioneiro e de vangarda na investigación científica en relación co patrimonio e a paisaxe no sur de Europa. A súa localización en Santiago foi impulsada decididamente dende o Consorcio de Santiago, que ademais promoveu o concurso internacional de proxectos en dúas fases, co obxectivo de garantir a integración do edificio na paisaxe, de modo que sexa modelo e referencia de arquitectura contemporánea.

En setembro de 2009 o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Rafael Rodrigo Montero, presidente da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas, asinaban un convenio para a construción nas Brañas do Sar do Instituto de Ciencias do Patrimonio, un centro de referencia no ámbito da investigación do patrimonio histórico e da paisaxe cultural no ámbito europeo. Agárdase que o Instituto estea construído e en funcionamento en 2013. Grazas ao apoio e á implicación do Consorcio, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, cuxa ubicación se disputaban outras cidades españolas, construirase finalmente en Santiago de Compostela.

As Brañas do Sar
O parque urbano das Brañas do Sar será un grande espazo verde de conexión entre a Cidade da Cultura de Galicia e o centro urbano de Compostela, que conectará tamén os barrios de Fontiñas, Sar e Pontepedriña, así como a área do Multiusos co Parque Eugenio Granell e a futura estación intermodal.

As Brañas do Sar pertencen ao sistema do río Sar, de gran riqueza ambiental e paisaxística. O seu alto grao de humanización configurou unha paisaxe agraria tradicional que constitúe un patrimonio aínda vivo, de excepcional valor natural e etnográfico no corazón da capital de Galicia. Nel recoñécense importantes elementos patrimoniais vinculados á xestión da auga e á produción agrícola, como muíños (seis en total), pontes, pontellas, camiños ou marcos, sen esquecer a vinculación física do espazo verde coa colexiata de Sar, Ben de Interese Cultural e Monumento Nacional dende 1895.

O Consorcio de Santiago ten previsto na súa programación plurianual a incorporación ao dominio público das Brañas de Sar e o seu acondicionamento como parque urbano promovendo diferentes iniciativas:
-redacción do Plan Especial de Brañas de Sar
-un estudo previo á redacción do Plan Especial de Brañas de Sar, elaborado dende a Universidade Politécnica de Barcelona, baixo dirección do profesor Albert Cuchí
-un estudo etnográfico-arqueolóxico, elaborado en colaboración co Laboratorio do Patrimonio do CSIC (futuro Incipit)
-diversos estudos sobre a accesibilidade á Cidade da Cultura e a súa conexión coa cidade histórica de Santiago

O Plan Especial
O Plan Especial de ordenación, protección, mellora medioambiental e acondicionamento das Brañas del Sar, cuxa redacción foi promovida dende o Consorcio de Santiago, programa un investimento de case sete millóns de euros. Foi redactado en clave sostenibilista e de rehabilitación medioambiental, de acordo coas previsións e directrices estipuladas no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago.

Os criterios de intervención no espazo das Brañas do Sar intégranse nunha "estratexia verde" para o conxunto da cidade e van orientados cara a unha política de sostenibilidade, que cada vez máis se sitúa no eixe das políticas de recuperación do patrimonio que promove o Consorcio. Contempla tanto a regulación dos usos públicos do parque como a creación de percorridos peonís e de servizo, o acondicionamento da vexetación e a preservación das características ambientais do contorno, con especial atención á preservación das canles públicas e a conservación das brañas e das áreas inundables. Tamén se valora o conxunto de elementos de interese arquitectónico, etnográfico e natural asociados á zona, tales como cómaros, pontellas, pontes e árbores de interese. Deste xeito, polo seu valor patrimonial e ambiental, estimouse idóneo a ubicación nas Brañas do Sar do edificio que albergará o Instituto.

Compartir: