TURISMO

Xosé M. Iglesias recorda que Incolsa liderou os convenios que permitiron que Lavacolla medrara ata os dous millóns de pasaxeiros

11/01/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, repasou en rolda de prensa as principais actividades de Incolsa no último par de anos, responsabilizou á Xunta de Galicia da perda de conexións internacionais en Lavacolla por primeira vez en trinta anos e defendeu a profesionalidade dos técnicos da empresa municipal Incolsa.

Segundo Iglesias, a síntese de actividades de Incolsa neste último par de anos amosa que a empresa municipal desenvolve un traballo fundamental para a cidade, malia a crise económica que tamén lle está afectando cunha redución nos seus orzamentos, como está acontecendo nas diferentes administracións. O concelleiro apuntou que isto só e unha parte do traballo que desenvolveu Incolsa no último par de anos que, sumado co todo traballo precedente, tivo moitísimo que ver cos resultados do Ano Santo. E dixo que a empresa municipal continuará traballando na mesma liña.

No último par de anos Incolsa organizou a segunda edición do Forum Gastronómico e continuou consolidando Santiago(é)tapas; dous eventos que posicionan a Santiago como destino gastronómico; presentou unha nova web punteira no sector turístico; estivo presente nas principais feiras mundiais do sector (FITUR, de Madrid, BIT de Milán, ITB de Berlín, WTM de Londres, e a Jospfest de Turismo relixioso en Roma); organizou 24 viaxes de xornalistas á cidade procedentes de: Singapur, USA, Filipinas, Letonia, Bélxica, Francia, Brasil, Finlandia, Italia, Austria, Chequia, México e España; organizou 6 viaxes turoperadores e axencias de viaxes procedentes de Arxentina, Alemaña, Italia, e Chile; participou en xornadas de Turespaña: Arxentina, Chile, China e Xapón; participou en presentacións de Turgalicia en León, Burgos, Tarragona, Zaragoza, Alcalá de Henares, Barcelona, San Sebastián e Bilbao; e coas Cidades Patrimonio estivo en presentacións en Amsterdam-Bruxelas, Nova York-Boston, Zurich-Xenebra, Arxentina, Milán, Madrid, Estocolmo, Barcelona, Xapón e Alemaña.

Sen apoio da Xunta
Iglesias lembrou que, pese a ser a empresa de promoción turística da cidade que é o motor turístico de Galicia, non recibe actualmente ningún tipo de apoio por parte da Xunta de Galicia. Ademais, apuntou que "é é evidente que a Xunta está deixando de lado a Santiago en moitísimos ámbitos, pero especialmente no turístico".

Xa no capítulo concreto da política aeroportuaria, indicou que "Incolsa liderou os convenios coas liñas de baixo custo no período 2005-2009 que fixeron que o aeroporto de Lavacolla medrara dende os 1,3 millóns de pasaxeiros ata os 2 millóns en 2007 e estivera rondando esa cifra nos demais anos". Fronte a isto e a unhas conexións internacionais permanentes, Iglesias denunciou a paralización deste tipo de voos ata abril, confirmando que neste primeiro trimestre se reducirá o tráfico de pasaxeiros en "non menos de 30.000 ao mes".

"Neste 2011 -continuou o concelleiro-, Santiago perde polo menos durante tres meses todas as súas conexións internacionais, perde a conexión con Roma, co que perdemos a conexión directa co mercado italiano, que é un dos máis importantes para a nosa cidade e, aínda sendo o aeroporto central e máis eficaz economicamente de Galicia, recibe só 800.000 euros, fronte ao 1.200.000 de Vigo e ao 1.050.000 da Coruña. Mentres pasa isto en Galicia, Porto sigue crecendo. No 2010 moveu xa 5,2 millóns de pasaxeiros e subiu un 17% grazas ao incremento da súa oferta de conexións de baixo custo".

Finalmente, Iglesias quixo "destacar que o persoal de Turismo de Santiago, empresa pública de capital 100% municipal, está composto por profesionais do sector que desenvolven coa máxima solvencia e dedicación o seu traballo na promoción da cidade, que accederon ás súas prazas a través de procesos de contratación públicos e transparentes, seguindo a normativa existente, e coa presenza dos membros do Consello de Administración".

Compartir: