Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
ALCALDÍA

O alcalde ve inxustificable que a cidade que recibe o 50% dos pasaxeiros e o 75% do turismo reciba o 26% dos fondos para os voos

Sánchez Bugallo en rolda de prensa.
Ampliar Sánchez Bugallo en rolda de prensa.


29/12/2010 "O problema é que os esforzos se dispersan de modo inversamente proporcional aos resultados", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito do reparto de fondos para as liñas de baixo custo realizada pola Xunta de Galicia. Na súa opinión, "non hai unha xustificación razoable" para que "o aeroporto que recibe a maior parte dos usuarios (un 49,5% a mes de novembro) e o 75% do turismo, reciba o 26% das axudas".

A Sánchez Bugallo prodúcelle "indignación" a diminución de "bastante máis da metade" respecto dos fondos percibidos en 2010. Esta decisión, dixo, "dende logo non ten en conta ratios de rendibilidade turística e obedece a outros intereses".

En particular, expresou o seu descontento polo feito de que se suprimira a conexión con Roma e se substituíra por Xenebra, recordando que o punto de partida de Santiago sempre foi que se mantiveran cando menos as conexións de 2010, o cal incluía a capital italiana. "Non temos ningún prexuízo respecto Xenebra, pero o peso turístico suízo é 12 veces inferior ao italiano", dixo.

Aínda apuntando que un destino con Milán paliaría en parte o déficit causado, considerou "un insulto á intelixencia que os composteláns poidamos dar por boa a substitución de Roma por Xenebra". "Espero que a Xunta reaxuste este reparto", indicou, de forma que sexa "polo menos equilibrado e equitativo", e non como o realizado, que "castiga ao aeroporto que ten os mellores resultados".

Preguntado polos xornalistas a propósito das queixas doutros concellos, apuntou como dato que "Vigo recibe máis visitantes dos voos de Santiago que dos que son subvencionados en Peinador". Puxo como exemplo a demanda o voo a Bruxelas de Vigo: "Seguramente, un voo a Bruxelas dende Santiago levaría 100.000 viaxeiros, e non 20.000 como leva o de Vigo".

"As estatísticas están aí", afirmou, e emprazou á Xunta de Galicia a "facer públicos dos datos sobre os viaxeiros dos voos subvencionados e que din que o 85% dos viaxeiros viñeron a Santiago". Finalmente, tamén deixou unha mensaxe para quen lle parece ben o reparto. "As verdades é fácil explicalas, o que require grandes esforzos é darlle a volta á verdade", indicou.

Estación do AVE
Sobre outra das infraestruturas do futuro de Santiago, a estación do AVE, Sánchez Bugallo declarou a súa "gran satisfacción" polos resultados da reunión mantida esta semana con Adif, tras a que "quedou todo definido para que se poida contratar o proxecto e o Plan Especial, e a continuación a obra". Recordou que así conclúe un "camiño de máis de seis anos" en torno a esta infraestrutura.

Zonas saturadas de ruído
Tamén se referiu o alcalde á sentenza do Tribunal Superior de Galicia que anula un decreto da Alcaldía sobre zonas saturadas. "A sentenza non pon en cuestión nin o procedemento, nin a declaración de zonas saturadas nin o estudo, senón que unicamente di que se lle tiña que ter sido notificada a declaración aos afectados e que o procedemento se tiña que ter resolto en 90 días, de acordo coa Lei de Procedemento Administrativo".

Sánchez Bugallo dixo acatar a sentenza e anunciou que esta vén a coincidir en realidade coa entrega no Concello, o 29 de novembro, dun amplo estudo sobre zonas de ruído. Así, a semana que vén aprobarase inicialmente un novo decreto de zonas saturadas "máis amplo que o anterior" e cuxo obxectivo segue sendo que "convivan na cidade diferentes usos e actividades respectando o dereitos das persoas".

Apuntou que o decreto mantén con carácter xeral as zonas saturadas que xa estaban, pero incluirá ata "media ducia" de novas rúas declaradas como tales, tanto no Casco Histórico como non Ensanche, citando neste último caso as de Santiago de Chile e Ramón Cabanillas. O decreto será sometido a exposición pública polo prazo de 20 días hábiles e, estudadas as alegacións, aprobado definitivamente en febreiro.

Satisfeito co 2010
Na súa última rolda de prensa de 2010 alcalde cualificou como "sobresaliente " o ano, especialmente no eido turístico, destacando que o 97% dos visitantes marchan de Santiago satisfeitos. "É o mellor que nos podía ter pasado, porque o boca a boca é a mellor publicidade", afirmou. Ademais, tamén destacou a transformación da cidade e as novas infraestruturas postas en marcha no exercicio que remata.

Cara o 2011, indicou que "a perspectiva non é mala". Así, puxo como datas sinaladas no calendario a apertura o 11 de xaneiro de dous edificios da Cidade da Cultura, a inauguración en abril da nova terminal de Lavacolla, a apertura en setembro do polígono empresarial da Sionlla e a chegada do AVE a Santiago en novembro ou decembro.

Aínda recoñecendo que, no económico, será un ano duro, "especialmente no primeiro trimestre", apuntou que tamén será "un ano de grandes realizacións, que nos colocarán en moi boa posición para saír da crise".

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal