CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Curtocircuíto presenta un programa de curtas para nenos no Nadal

20/12/2010 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, presenta un programa de curtametraxes especial para nenos, Público Novo, dentro do seu programa de proxeccións que se está a prolongar ata final de ano, +Curtocircuíto.

As curtametraxes están especialmente pensadas para nenos e nenas a partir de 11 anos de idade, para que acudan cos seus pais e nais. A proxección será o martes 21, a partir das 20:30 horas, na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Farase outra proxección do mesmo programa de curtas no Centro Sociocultural de Vite o seguinte martes 28 á mesma hora e tamén de acceso libre.

Na programación, onde predomina a animación, haberá grandes curtas como Granny O Grimm's Sleeping Beauty, nominada como mellor curta de animación na última edición dos Oscar, ou La Dama y la Muerte, gañadora do premio á mellor curta de animación na pasada edición dos Goya.

Estas proxeccións porán punto e final a +Curtocircuíto, que levou en 16 proxeccións as mellores curtas por algún dos centros socioculturais de Compostela e ao Auditorio de Galicia, ampliando así os puntos onde ver o mellor cine en formato curto. O balance de participación é moi positivo, con máis de 500 persoas na súa primeira celebración.

Compartir: