EDUCACIÓN

Convocado o IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

23/11/2010 A Concellería de Educación e Kalandraka convocan o IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 28 de febreiro de 2011 e o fallo do xurado coñecerase o 1 de abril, no marco das actividades da XI Campaña de Animación á Lectura.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou as bases do Premio, dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas. Os interesados deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués en outubro de 2011. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil. Aos integrantes nas edicións anteriores se referiu o director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros, que tamén anunciou a presenza no xurado desta edición do prestixioso ilustrador italiano Roberto Innocenti, premio Hans Christian Andersen en 2008.

As condicións completas de participación poden consultarse nesta páxina web e na de Kalandraka.

Álbums gañadores
A gañadora da primeira edición do Premio Compostela –á que se presentaron 335 traballos de varios países- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora do álbum Cerca. Na convocatoria de 2009 –á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C, que competiu con outros 518 traballos de 22 países. Kalandraka editou unha tiraxe conxunta de 20.000 exemplares de cada obra.

A convocatoria deste certame internacional, un referente xa no ámbito destas publicacións a nivel mundial, tal como recordaron a concelleira e o director de Kalandraka, encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello e a editorial organizan anualmente en abril. As actividades programadas chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: