CULTURA

O VIII Foro Academia Aberta afondará na necesidade de potenciar a creatividade en tempos de crise

11/11/2010 A Academia Galega do Audiovisual presentou o Foro Academia Aberta Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer, que se desenvolverá no marco do Festival Cineuropa 2010. Nesta oitava edición, o Foro afondará no problema da crise económica estrutural e en como potenciar as dificultades para convertelas en oportunidades de éxito apoiándose, sobre todo, na creatividade e na innovación. O evento, que está coordinado polo Académico Manolo González, terá lugar dende o 16 ao 18 de novembro na sede da Fundación Caixa Galicia.

No acto de presentación no Teatro Principal compostelán estiveron presentes Carlos Ares, secretario da Academia Galega do Audiovisual; José Luís Losa, director de Cineuropa; e Ana Salgado, xerente da Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. Tanto Carlos Ares como Ana Salgado incidiron na idea de que a crise actual pode, e debe, converterse nunha oportunidade para a creatividade, así como para a aplicación das novas tecnoloxías. Pola súa banda, José Luís Losa, destacou que "Cineuropa pretende ser un foro aberto, con espazos para o diálogo como este foro ou os encontros co público, que o converten nun festival que aporta algo máis que ver películas". Losa destacou a aposta de Cineuropa polo talento e os novos creadores e puxo como exemplo a Oliver Laxe, premio Cineuropa 2010.

Nesta edición, o Foro Academia Aberta pretende abrir unha pequena ventá que permita indagar e investigar, de forma profesional, novas vías de financiamento, de innovar na distribución dos produtos audiovisuais e mesmo de amosar outros xeitos de contar historias. En definitiva, ser conscientes de que precisamos entender e adaptármonos en positivo a estes novos tempos porque neles poden estar as claves do futuro dos traballadores do noso audiovisual.

Un amplo abano de profesionais
O Foro contará con tres mesas redondas. O martes 16, baixo o título "O Financiamento", afondará nas novas formas de financiamento que posibiliten producir proxectos viables. Nesta mesa participarán contando a súa experiencia Luis Miñarro, produtor de cine independente, a quen este ano homenaxea Cineuropa; Rubén Zarauza, produtor; e Toni Carrizosa, director de produción.

O mércores 17 será o momento de falar dunha das debilidades tradicionais de gran parte do cinema español e moi en especial do galego. Referímonos aos procesos intermedios que posibilitan o contacto do publico coa obra audiovisual, a "explotación e difusión de obras". Para afondar no tema os convidados serán Jaume Ripoll, director de proxecto de Filmin; Jorge Carrasco, especialista en Cine Dixital; e María Yáñez, produtora de contidos de A Navalla Suíza.

O Foro Academia Aberta 2010 porá o seu peche cun coloquio adicado aos "Creadores". A pesares da crise xeral na que está sumido o sector, existen creadores que seguen sacando adiante os seus filmes baixo a etiqueta "de baixo orzamento" e acadando importantes éxitos dentro e fóra das nosas fronteiras. Albert Serra, director; Ángel Santos Touza, director; Mario Iglesias, director; e Olaia Sendón, documentalista; serán os encargados de afondar neste tema.

Compartir: