ALCALDÍA

As obras de ampliación do tramo urbano da AP-9 licitaranse despois do verán

17/04/2010 O ministro de Fomento, José Blanco, presentou o proxecto de ampliación da AP-9 no seu paso por Santiago, nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos. Este tramo, libre de peaxe, pasará a contar con catro carrís por sentido entre Santiago Norte e Santiago Leste e con tres entre Santiago Leste e Santiago Sur. Esta actuación suporá un investimento de preto de 100 millóns de euros.

O proxecto de ampliación contempla no primeiro subtramo, entre Santiago Norte (PK 67) e Santiago Leste (PK 72), catro carrís de 3,50 metros por calzada, arcéns exteriores de 2,50 metros, arcéns interiores de 1 metro e mediana de 3 metros. No segundo subtramo, entre Santiago Leste (PK 72) e Santiago Sur (PK 75), habilitaranse tres carrís coas mesmas características.

En sentido Norte, nas proximidades do enlace Santiago Norte, inclúese na marxe esquerda da autopista un ramal de conexión coa autovía Santiago-Lugo (A-54), que facilitará a conexión directa do tráfico que, procedente da AP-9 dende o Sur, queira incorporarse cara a devandita autovía Santiago-Lugo, na que tamén se atopa o acceso cara o aeroporto de Lavacolla.

Para mellorar as condicións de seguridade viaria, o viaduto de Angrois ampliarase con tres carrís por sentido, necesarios para entroncar coa autopista Santiago-Ourense (AP-53), á altura do enlace Santiago Leste (PK 72). A partir deste enlace, a autopista contará con tres carrís por sentido, ata o enlace Santiago Sur (PK75), onde o terceiro carril se deseñará como carril de saída do devandito enlace.

Ao longo do tramo ampliado construiranse 25 estruturas: 1 viaduto dobre en Angrois (380 metros de lonxitude), 13 pasos superirores e 11 pasos inferiores. Os pasos superiores adaptaranse para adecualos á nova sección transversal da vía, desprazando, naqueles casos que posible, as pilas laterais. Para os casos en que isto non foi posible, demoleranse e construiranse pilas novas. A ampliación do viaduto de Angrois resolverase mediante a execución de estruturas paralelas ás actuais, de semellante xeometría e tiopoloxía.

Unha actuación necesaria e con visión de futuro
O alcalde compostelán felicitouse da posta en marcha desta ampliación da AP-9, "unha obra cunha gran visión de futuro, que nos permitirá resolver os problemas de entrada e saída da cidade, resolver o problema dun acceso específico para as áreas industriais e resolver a conexión directa coa autovía de Lavacolla". Cualificouna como "unha grande infraestrutura", polo que "será necesario un grande esforzo de integración paisaxística e medio ambiental", pero incidiu en que a ampliación é "extraordinariamente necesaria", tanto para Santiago como como para as comunicacións entre o norte e o sur de Galicia.

Pola súa parte, o ministro de Fomento indicou que "tras un nada doado proceso de negociación con concesionaria, estamos en disposición de establecer un calendario desta actuación tan demandada pola cidade de Santiago, que non pode demorarse máis no tempo". Recodou que a actuación permitirá "evitar atascos e riscos para a seguridade viaria dos condutores" nunha vía que"ronda os 50.000 vehículos diarios, coa previsión de que se incremente nos próximos anos". José Blanco anunciou que o obxectivo do Ministerio é licitar esta actuación despois do verán e contratar as obras a primeiros de 2011.

Tanto o ministro coma o alcalde referíronse tamén á boa marcha doutras obras que Fomento está a realizar nestes intres na cidade, coma o túnel do Hórreo, a ampliación do periférico, a entrada do AVE en Santiago ou a terminal de Lavacolla. Blanco dixo ao respecto que estas obras son "un elemento conformador e dinamizador dun Santiago novo ao que cada día chega máis xente; estamos deseñando o Santiago do futuro". Sánchez Bugallo reiteroulle o seu agradecemento polo "esforzo e interese" cara os asuntos de Compostela e reiterou a oferta de colaboración municipal en todos os proxectos.

Compartir: