INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA

Un carril de subida e outro de baixada no tramo do Hórreo entre Fernando III O Santo e a glorieta ata o final das obras

13/11/2009 A partir do luns 16 de novembro e ata o final da obra do túnel do Hórreo, o tramo entre Fernando III O Santo e a rotonda quedará reducido definitivamente a un carril por cada sentido. Ademais, dende o luns 23 de novembro, o vieiro Antón Fraguas quedará cun carril por sentido e Romero Donallo terá unicamente un carril de subida, abrindo en sentido baixada un carril directo a Antón Fraguas.

A nova restrición a partir do luns 16 de novembro, supón que o tramo entre a glorieta e Fernando III O Santo quedará cun carril de subida e outro de baixada, tal como sucedía xa no tramo seguinte da rúa da rúa do Hórreo. Se ben se permitirá a incorporación á rúa dende Fernando III O Santo xirando á dereita, quedarán prohibidos os xiros á esquerda dende esta rúa e dende a estación do tren. Neste último caso só se poderá xirar á dereita, en sentido subida.

Aínda que nesta primeira fase os carrís habilitados serán os máis próximos ao lado da estación, haberá a posibilidade de que os dous carrís habilitados o sexan do outro lado. Estas restricións están motivadas pola entrada en funcionamento dunha nova pilotadora para traballar no entorno da glorieta.

Xa a partir do luns 23 de novembro, ata un momento aínda por determinar, en torno a febreiro, e como consecuencia da redución da rotonda polas obras, a avenida Romero Donallo quedará cun único carril en sentido subida. En sentido baixada pecharase o acceso á rotonda, polo que os vehículos procedentes de Romero Donallo non se poderán incorporar ao Hórreo xirando á esquerda na rotonda. En troques, estes vehículos deberán utilizar o ramal dun carril que se abrirá para acceder directamente ao vieiro Antón Fraguas. Este vieiro Antón Fraguas quedará cun único carril por sentido no seu primeiro tramo.

Este novo ramal Romero Donallo – Antón Fraguas quedará cortado entre o luns 21 de decembro e o sábado 9 de xaneiro. Aproveitarase así a menor intensidade de tráfico do Nadal para a reposición dos servizos de saneamento.

Corte da rúa Santiago León de Caracas
Por outra parte, o luns 16 e o martes 17, de 15:00 a 21:00 horas, quedará cortada a rúa Santiago León de Caracas. Os residentes terán acceso aos seus garaxes, ao igual que tamén se lles permitirá o paso aos vehículos autorizados do centro de saúde.

Obras a bo ritmo e utilización das vías alternativas
Sobre a marcha das obras, o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, sinalou que van a "bo ritmo". Apuntou que xa se comezou a poñer a lousa nun tramo de 30 metros do que será a estrutura do futuro túnel. "A idea é que en marzo comece a escavación do túnel pola zona da avenida de Lugo", dixo.

Pola súa parte, o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, destacou a cada vez maior utilización dos itinerarios alternativos por partes dos condutores. Malia os inevitables problemas nalgunhas horas punta, indicou que "antes de iniciar as obras, criamos que o impacto no tráfico sería máis forte".

Compartir: