ALCALDÍA

O Concello de Santiago, entre os máis transparentes de España

23/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou en rolda de prensa os resultados do Índice de Transparencia de dos Concellos 2009, elaborado por Transparencia Internacional España e recentemente presentado. Este informe sitúa a Santiago como o concello máis transparente entre os galegos e o número 15 de España.

O de Santiago obtén unha puntuación de transparencia global de 88,8 puntos sobre 100. Destaca a obtención obtida polo concello compostelán no apartado de transparencia económico-financeira, cunha puntuación de 94,7. Tamén avaliou a información sobre a Corporación municipal (88,2), as relacións cos cidadáns e a sociedade (90,0), a transparencia nas contratacións de servizos (85,7) e a transparencia en materias de urbanismo e obras públicas (82,4). Sirva como dato comparativo que a puntuación media xeral de valoración global de todos os concellos analizados está en 64.

O estudio de Transparencia Internacional España mide o índice de transparencia ante os cidadáns e a sociedade dos 110 maiores concellos de España. Avalíase a transparencia a través dun conxunto integrado de 80 indicadores.

Lei do Solo
Na súa habitual rolda de prensa semanal, o alcalde referiuse tamén a varios asuntos de actualidade da semana. Un deles é a remisión pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do borrador da proposta de modificación da Lei do Solo. Esta será -lembrou Sánchez Bugallo- a quinta modificación da Lei en sete anos, polo que reclamou que esta sexa "estable no tempo" e con "fórmulas máis sensatas e respectuosas coas responsabilidades de cada Administración", en referencia tamén aos futuros cambios das Normas do Hábitat.

"Algún cambio había que facer", indicou o alcalde a propósito dos cambios, aínda que se declarou "sorprendido pola amplitude do cambio", que afecta a 45 artigos. En particular, felicitouse pola devolución de competencias aos concellos na concesión de licenzas no rural. "Vai mellorar a xestión das licenzas do rural, porque coa actual Lei foi desastrosa", apuntou, engadindo que, na actualidade, o prazo no que a Administración autonómica informa as licenzas do rural é duns tres anos.

Compromiso de Fomento
Sobre a recente visita do ministro de Fomento, José Blanco, para asinar coa Xunta os compromisos con Galicia en materia de infraestruturas, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por un investimento que, ao seu xuízo, "serve para compensar os déficits de atrás". Indicou que Galicia recibirá o 10% dos investimentos totais do Estado malia supor o 6% da poboación.

No caso de Santiago, explicou que as infraestruturas comprometidas, como o AVE ou a terminal de Lavacolla, converterán á nosa cidade "no punto nodal das comunicacións de Galicia". O alcalde aproveitou a visita de Blanco para insistirlle en cuestións como a estación do AVE. "En 2010 estará redactado o proxecto e en 2011 licitarase a obra", apuntou.

Compartir: