EDUCACIÓN E MOCIDADE

O concello entrega os premios Educacompostela

19/10/2005 Na súa terceira edición, o primeiro premio recaeu nos mestres do CEIP Serra de Outes, que elaboraron material para ensinar a ler e escribir en galego ao alumnado con dificultades de aprendizaxe.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o mércores, 19 de outubro, xunto á concelleira de Educación e Mocidade o acto de entrega dos premios Educacompostela na súa terceira edición.

Creados conxuntamente polo Concello e a Nova Escola Galega para celebrar o vinte aniversario desta entidade, estes premios teñen por obxecto recoñecer, promover, premiar e difundir aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Segundo manifestou o Presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra Murais, a convocatoria de Educacompostela supón "un labor moi importante" no campo do ensino e reflicte a sensibilidade municipal respecto da educación.

Nesta terceira edición o primeiro premio foi para "A elaboración de materiais didácticos para e con alumnos/as educativas especiais. Unha experiencia no CEIP Serra de Outes". O grupo de traballo estivo composto por David Valín Arias, Teresa Villaverde Pais, José Bailón Fernández, Verónica Rodríguez Varela, Patricia Romasanta Rodríguez, Elena Roo Maio, Jesús Rodríguez Rodríguez e Montserrat Castro Rodríguez.

O xurado destacou deste traballo a importante achega que supón a elaboración dun material para o ámbito da escritura en galego para o alumnado con dificultades de aprendizaxe, "no que non abondan demasiadas propostas." Ademais, resaltou os núcleos temáticos que se inclúen no traballo, a implicación de diferentes perfis profesionais na elaboración dos materiais e a súa contextualización no contorno dos destinatarios.

O segundo galardón levou o traballo "¡IKIMASHO! Axúdanos a reconstruír o mundo", de Belén Domínguez Rey, Irene Calvo Antelo, Patricia A. Fernández García, Leandro Fernández Tomé, Lorena Mera Ramil, Rebeca Rivera Veiga, Ana Belén Rodríguez Pérez e Mª Dolores Carballo García.

A orixinalidade desta proposta e a complexidade do material elaborado para a adquisición de valores desde unha perspectiva lúdica, participativa, cooperativa e útil para o traballo de temas transversais foron as características que convenceron ao xurado. A incidencia da multiculturalidade no centro escolar, é un feito, explicou o xurado, e este material "permite traballar unha situación escolar e social que xa se está a dar na nosa comunidade e que pode servir de modelo para implementar noutros centros escolares que vivirán a incorporación de alumnado doutras culturas".

O terceiro premio acadouno "Ética da memoria: Análise da historia e a cultura social a través da experiencia concentracionaria", elaborado por Elena Gómez Gálkina do IES As Fontiñas de Santiago de Compostela, cunha proposta de traballo sobre os sentimentos, a defensa dos valores democráticos, de solidaridade e a capacidade de xustiza social.

Así mesmo, o xurado decidiu dar unha mención ao traballo presentado por Rosa Mª Vicente Álvarez, baixo o título "Contos do camiño".

Bugallo chama a atención sobre a necesidade de recuperar a memoria histórica

O terceiro dos traballos premiados, centrado no Holocausto dos campos de concentración nazis, deu pé ao alcalde compostelán no transcurso do acto para reflexionar sobre a necesidade de recuperar a memoria histórica, partindo do recoñecemento do "fracaso xeralizado no noso país á hora de transmirtirlles ás novas xeracións aquilo que pasou".

"O maior fracaso", engadiu Bugallo, "é que o noso pasado pase a formar parte do esquecemento". Neste senso citou un recente reportaxe xornalístico publicado na prensa local sobre a historia do aeroporto de Lavacolla onde non se citaba que o lugar acollera un campo de concentración no transcurso da Guerra Civil, no que foron recluídos máis de 2.000 prisioneiros.

Nesta terceira edición o xurado estivo formado por Elvira Cienfuegos López, concelleira de Educación e Mocidade; Esther Vázquez Otero e Francisco Veiga García representantes da Nova Escola Galega, Lourdes Montero Mesa, directora do departamento de Didáctica e Organización Escolar da Facultade de Ciencias da Educación, Gonzalo Anaya García, director do Centro de Formación e Recursos de Santiago e Henrique Alvarellos, representante de Asociación Galega de Editores e Beatriz Varela Morales, técnica do Departamento de Educación e Mocidade, actuando como secretaria.

Compartir: