EDUCACIÓN

Máis de 5.000 escolares participarán na IX Campaña Municipal de Animación á Lectura

26/03/2009 A IX Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellaría de Educación e editorial Kalandraka, iniciou na Galería Sargadelos o seu programa de actividades. Neste edición, que se prolongará ata o 16 de maio, potenciaranse os álbums destacados no I Premio Internacional Compostela. Participarán 5.200 escolares de 32 centros de Santiago e da bisbarra.

Acompañados dun grupo de escolares, a Campaña foi inaugurada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Xunto a eles estiveron a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e o xerente de Kalandraka, Xosé Ballesteros. Na visita que fixeron á exposición de ilustracións instalada na Galería Sargadelos, ambos insistíronlle aos rapaces na importancia que ten a lectura para a súa formación.

"A lectura é unha oportunidade de desenvolver a imaxinación e unha fonte de cultura insustituíble, e a súa incorporación vida diaria dos nenos é un elemento para facelos máis felices, completos e cultos", afirmou o alcalde. Neste sentido, demandou que a lectura tradicional siga a ter o seu espazo nestes tempos dos medios audiovisuais.

Os protagonistas desta edición, co lema "Lendo máis... Cerca", son os libros distinguidos no I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, coa obra gañadora -Cerca, de Natalia Colombo- como principal referente da campaña. Ademais de Cerca -que se publicou en galego, castelán, catalán, euskera, portugués, italiano e inglés- na exposición tamén se poden ver imaxes da obra finalista, A nube de Martín, da ilustradora Rebeca Luciani, que tamén foi editada. Así mesmo, expóñense pezas dos artistas portugueses Gémeo Luis e Yara Kono, que se presentaron ao certame cos proxectos titulados Trocar as voltas ao tempo e Ovelhinha dá-me lá.

A mostra complétase con ilustracións do galego Pablo Otero da súa obra titulada ABCdiario, e de Marc Taeger, cun adianto do libro-disco Tic-tac, do músico Pablo Díaz, que se vai presentar o sábado 16 de maio, ás 12:00 horas, coincidindo coa clausura da campaña.

Obradoiros, contos e música
Marc Taeger, artista suízo afincado en Galicia, vai impartir os Obradoiros de Ilustración para achegar os alumnos e alumnas ao proceso de creación dun libro ilustrado. Outras actividades escolares programadas son os Obradoiros de Escrita Creativa que impartirá o autor Carlos López ‘Chinto’, con sesións prácticas que consistirán na construción de historias a partir de imaxes.

De luns a venres, entre as 10:00 e as 12:00 horas, vanse celebrar na Galería Sargadelos sesións de contos e música para nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade, con visitas guiadas á exposición de ilustracións, libros e instrumentos musicais. Haberá unha sesión especial aberta a público infantil, pais e nais, educadores e cidadanía en xeral, que se celebrará o sábado 25 de abril ao mediodía.

Actividades para adultos
Paralelamente, vanse desenvolver actividades para adultos, mestres e alumnos das Escolas Infantís de Conxo, Fontiñas e San Roque. Así, o ilustrador Pablo Otero manterá encontros cos cativos para impartir obradoiros de plástica e facer unha intervención artística nos espazos destes centros educativos. Serán ás 18:00 horas dos días 15 de abril e 5 de maio en Conxo, e o 16 de abril e 7 de maio en Fontiñas.

Por outra banda, a profesora e narradora Ana Abelenda participará en dúas sesións para as familias, o 23 de abril ás 18:00 horas, na Escola Infantil Municipal de Conxo, e o día 30 dese mes á mesma hora na de Fontiñas. Nesas charlas ofrecerá propostas para animar a ler na casa, con información sobre os libros máis acordes a cada idade, recursos a partir da tradición oral e unha mostra de materiais.

Tamén os educadores poderán asistir a unha sesión especial titulada "Biblioteca escolar: un espazo con adxectivo", a cargo de Juana Vázquez Silva, da Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura. Nesta acción formativa, que se celebrará o 6 de maio ás 18:30 horas na Galería Sargadelos, presentaranse diversos proxectos de animación á lectura que se están levando a cabo no ámbito educativo.

Fallo do II Premio Internacional Compostela
O 2 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, darase a coñecer o veredicto do xurado do II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, un certame organizado pola Concellería de Educación en colaboración con Kalandraka. Á primeira edición do certame en 2008 presentáronse máis de 300 traballos procedentes de diversos países, entre os que Cerca resultou gañador.

O premio ten unha dotación de 12.000 euros e o traballo escollido publicarase nas linguas oficiais peninsulares. Cerca, de Natalia Colombo, tamén vén de ser galardoado na súa versión en italiano co II Premio delle Palme de Literatura Infantil, organizado polo Departamento de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Salento, a Área de Educación da Provincia de Brindisi, e a cidade de San Vito dei Normanni. A distinción entregarase no marco das xornadas "Primavera do Libro", o 4 de abril, na Biblioteca Juan XXIII deste municipio situado na rexión de Apulia.

Compartir: