XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local asigna nome a 17 novas rúas

24/03/2009 A Xunta de Goberno aprobou a asignación de nomes a 17 novas rúas incluídas no SUNP-12 de Lamas de Abade e no SUNP-13 do vieiro da Estrada. Entre os acordos figura tamén a solicitude da autorización para unha operación de crédito de algo mais de 7 millóns de euros e a adxudicación definitiva de catro obras incluídas no Fondo de Inversión Local.

Os 17 nomes foran aprobados no Pleno do 29 de novembro de 2007. No caso do SUNP-12 de Lamas de Abade, as rúas A, B, C, D, E e F pasan a denominarse, respectivamente, rúas Anne Frank, Federica Montseny, Xoán Xesús González Fernández, Alexandra Murguía Castro, Alfredo Vicenti e Francisca Herrera Garrido. No SUNP-13 do vieiro da Estrada, as rúas A, B, C, D, E, F, G, H, I, L e M chamaranse Abelardo Moralejo Laso, Ángel Rodríguez González, Antón Vilar Ponte, José Luis Puente, Tomas Batuecas Marugán, José Ribas Fernández, Concepción Pérez Iglesias, Xosé Couso, Teresa Claramunt, Carmen Laforet e María Zambrano.

Facenda
No ámbito de Facenda, o Goberno local acordou solicitar á Xunta a autorización para concertar unha operación de préstamo por importe de 7.190.000 euros. Esta operación de endebedamento a longo prazo está contemplada nos orzamentos municipais para 2009.

Fondo de Inversión Local
Polo procedemento de urxencia adxudicáronse definitivamente varia obras das incluídas no Fondo de Inversión Local. En concreto, trátase de obras nas redes de abastecemento ou saneamento no rueiro de Figueiriñas (90.764 euros máis IVE e un prazo de execución de 3 meses); no lugar de Barciela (102.335,48 euros e 3 meses); nas rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo (143.685 euros e 3 meses) e na rúa Rosalía de Castro (125.060 euros e 2 meses).

Tamén se adxudicaron provisionalmente os servizos de dirección facultativa superior e coordinación de seguridade e saúde das obras de reurbanización da rúa Curros Enríquez, do tramo da avenida de Villagarcía-García Prieto-Sánchez Freire e da rúa Londres, e das de ordenación funcional do núcleo de Canteira (San Lázaro).

Reforma Administrativa
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a aprobación da realización do proxecto Santiago Contigo na súa segunda fase, por importe de 254.180 euros. Igualmente, solicitarase unha subvención de 125.090 euros para este proxecto no marco do programa EMODEL-Proxectos de Modernización Administrativa Local 2009.

Urbanismo
En materia urbanística, aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan de sectorización do SUNP-14 de Tras Paxonal, presentado por EMUVISSA. Os cambios teñen que ver coa unificación do límite de parcela mínima con carácter xeral a 250 metros cadrados, das que resultaría un total de 3.580 metros cadrados de solo e 13 vivendas unifamiliares. Tamén se soluciona algunha cuestión de volume relacionada coas diferentes rasantes.

Benestar Social
Finalmente, no ámbito de Benestar Social, adxudicouse á empresa Inicia@2008 a realización do proxecto socio-educativo incluído no Programa de Diminución do Dano, por un importe de 11.900 euros, dende marzo a decembro de 2009. Este proxecto inclúe accións de formación prelaboral (talleres de informática, idiomas e alfabetización), formación básica para adultos, animación á lectura e educación en cidadanía.

Documentos relacionados



Compartir: