EDUCACIÓN

O Concello recoñece por sétimo ano os mellores traballos didácticos realizados nas aulas galegas

09/02/2009 A Concellaría de Educación e Nova Escola Galega convocan a sétima edición dos Premios Educacompostela. Estes galardóns recoñecen aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poden contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova convocatoria, que repartirá 2.700 euros en premios: 1.200 para o gañador, 900 para o segundo clasificado e 600 para o terceiro. Animou aos profesores a presentar os seus materiais, dirixidos aos diferentes niveis do ensino e sobre a temática que eles e elas consideren oportuno abordar nos currículos dos seus centros educativos.

Segundo Francisco Veiga, de Nova Escola Galega, os Premios Educacompostela son "a mellor proba" das "verdadeiras xoias didácticas" que xorden nas aulas e que, ás veces, os mesmos profesores son pouco dados a sacar delas. Estes materiais son tamén –indicou- un modo de traballar sobre temas actuais que non poden ser recollidos nos libros de texto.

Os materiais deben estar redactados ou elaborados en lingua galega. Non se tratará en ningún caso de traballos que foran premiados con anterioridade. Os interesados poden participar individualmente ou en grupo. Os orixinais deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello entre o 27 de marzo e o 30 de xuño de 2009. As bases do certame poden consultarse nesta páxina web.

O xurado dos Premios Educacompostela estará composto pola concelleira de Educación, dous representantes de Nova Escola Galega, outros dous do Departamento de Educación, o director/a do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, un representante dos Cefores de Galicia e un representante das editoriais de Galicia.

A concelleira recordou que, na edición de 2008, o gañador foi un traballo denominado "Xogando coa luz", presentado por profesores de educación infantil de varios centros galegos. En segundo lugar quedou o material presentado por mestres do IES Macías O Namorado, de Padrón, titulado "O xogo de Macías". O terceiro traballo premiado, "A escola de avós", fora realizado por dúas profesoras do IES Puga Ramón (A Coruña). Tamén houbera unha mención especial ao proxecto "1059 imaxes para o estudo da historia da Arte", posto en marcha no CPI Pecalama de Pontepedra (A Coruña).

Documentos relacionados



Compartir: