EDUCACIÓN

AGADEA, María Jesús Iglesias e Xosé Luis Veiga gañan a XVI edición dos Premios Vagalume

22/12/2008 A Asociación Galega de Familiares para a Axuda dos Enfermos don Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), na modalidade colectiva, e María Jesús Iglesias Gómez e Xosé Luís Veiga Goy, na categoría individual, recibiron os premios como gañadores da XVI edición dos Premios Vagalume. Estes galardóns recoñecen o traballo de colectivos ou persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social en Santiago.

Nun acto celebrado en Raxoi e presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, os gañadores, designados polo xurado o 4 de decembro, recolleron os seus premios. Tanto a presidenta de AGADEA, María Isabel Gey, como os gañadores individuais recibiron unha insignia de ouro e un diploma acreditativo

O xurado apreciou en AGADEA a súa "dedicación na mellora da calidade de vida das persoas con esta enfermidade e a dos seus coidadores, ao tempo que favorecen a máxima integración, formación, comunicación, e participación na vida social da comunidade".

No apartado individual o premio foi compartido. Por unha parte, María Jesús Iglesias Gómez, responsable do bar Paluso, en Conxo, foi recoñecida por levar máis de dez anos "compartindo nas datas máis solidarias do ano, Noiteboa e Nadal, entre outras, o seu tempo e o espazo que rexenta, con aqueles que menos teñen da sociedade compostelá". Para o xurado, "accións solidarias como estas reforzan o sentimento de pertenza a unha comunidade".

O outro agasallado é Xosé Luís Veiga Goy, coordinador deportivo da Universidade de Santiago. Del di o xurado que "dende hai anos procura a promoción do deporte do xadrez como unha nova oportunidade para a difusión de valores éticos na relación entre as persoas. A súa actitude xenerosa e desinteresada nunha práctica deportiva, é un valor para a formación da infancia e da xuventude de Compostela".

Estes galardóns contribúen a desenvolver actitudes positivas cara o traballo social. Ademais, son unha boa maneira de estimular a cooperación, a solidariedade e a igualdade entre os composteláns. Na edición de 2007 os premiados foran a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) e Banessa Giménez Giménez.

Compartir: