REFORMA ADMINISTRATIVA

A web municipal incorpora un novo rueiro con información útil e accesible para os cidadáns

09/05/2008 Esta páxina web vén de incorporar un novo rueiro, que vén a reforzar aínda máis as canles de comunicación cos cidadáns. Trátase dunha ferramenta con información útil e doadamente accesible sen ningunha aprendizaxe previa.

A concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández, e o xefe do Servizo de Informática, Jesús Rodríguez, presentaron este novo rueiro. Está baseado na utilización dunha ferramenta tan coñecida como é "Google", pero adaptada aos servizos que os cidadáns de Santiago de Compostela poden precisar.

Esta nova ferramenta é accesible dende a páxina principal a través de "Mapa de Santiago" ou "Rueiro". Ofrece a posibilidade de desprazamento manual e de zoom, e ten a posibilidade de vistas do plano de Santiago, dende foto aérea ou combinando ambas opcións.

A información estrutúrase en capas e subcapas e é o cidadán o que escolle visualizar aquelas que lle interesa. Unha capa, o rueiro en si, permite localizar rúas, mentres as capas temáticas permiten localizar servizos. Para facer as buscas, o usuario poder marcar capas e visualizalas no mapa ou facer buscas polos campos de información.

O rueiro presentado é unicamente a base do que pode chegar a ser, posto que progresivamente irase engadindo información, ata situar esta ferramenta como unha referencia para a localización de servizos de interese do municipio. Para esa achega de novas informacións traballan xa os distintos departamentos municipais. Ademais demandarase información doutras institucións da cidade a fin de facer o rueiro o máis completo posible.

Progresivamente, engadiranse máis capas e subcapas con novos servizos e máis campos de información en cada elemento. Especialmente atractiva será a carga de información dinámica, con datos relativos a incidencias, cortes de tráfico, actividades culturais, etc.

Tamén en breve serán posibles servizos como a medición de distancias entre puntos ou o cálculo de rutas alternativas tendo en conta incidencias, localización de puntos de interese nunha área determinado de proximidade, etc. Ademais, calquera cambio da cidade quedará rapidamente reflectido na web municipal grazas a este rueiro.

Compartir: