CULTURA

Unha nova exposición recolle a evolución da banda deseñada en Galicia dende os 70

27/02/2008 A exposición A historieta galega 1973-2008 amosará, do 6 de marzo ao 8 de xuño, a traxectoria da banda deseñada en Galicia dende os anos 70 ata a actualidade. Artistas como Xaquín Marín, Eduardo Galán, Pepe Barreiro, Miguelanxo Prado, Carlos Portela ou Emma Ríos, entre outros exhibirán as súas obras grazas a unha iniciativa que chega acompañada de diversas actividades e clases maxistrais. A mostra estará na Sala Isaac Díaz Pardo, do Auditorio de Galicia.

O calendario de propostas foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Destacan as actividades para rapaces e rapazas, ademais dos debuxos de murais que realizarán en vivo Jacobo Fernández e Fran Bueno. Todo isto complementado con obradoiros e visitas guiadas pola mostra.

Pola súa parte, as clases maxistrais permitirán a 15 alumnos asistir a sesións conducidas por Miguelanxo Prado (28 de marzo), Carlos Portela (4 de abril), Carlos Jiménez (11 de abril) e Antonio Vázquez (18 de abril). O curso ten un prezo de 100 euros e poderá inscribirse calquera debuxante ou guionista alego, sen límite de idade, que desexe coñecer as entrañas da creación e produción dunha historieta.

A mostra estrutúrase en varios espazos en base obras orixinais, na que non faltará un recordo aos pioneiros e tamén referencia a aqueles debuxantes galegos que triunfaron fóra. Todo isto tomando como punto de partida a primeira mostra que se fixo en Galicia sobre historieta. Era o ano 1973 cando o Grupo Castro, co apoio da Asociación Cultural O Galo, presentaba a Exposición do Cómic Galego, con obras de Patiño, de Xaquín Marín, de Pepe Barro, de Xosé Díaz e de Chicha Campos. Aí comeza a historia de 35 anos nos que os debuxantes galegos son coñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras.

A mostra e o calendario de actividades foron presentadas polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Estivo acompañado por Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Voluntariado; por Javier Blanco, en representación da Fundación de Arte Galego Madrid (FEIMA); e polos comisarios da mostra, Gemma Sesar e Fausto Isorna.

Compartir: