CULTURA

Compostela acolle a presentación da curta de plastilina 'Leo'

28/12/2007 Plastilina animada con aire a drama, iso é o que os asistentes á estrea de 'Leo' poderán ver o sábado 29 no Teatro Principal. A curta forma parte da serie 'Sombras na noite', que conta coa colaboración de actores como Carlos Blanco, Pico Oliveira, Ernesto Chao ou Víctor Mosqueira entre outros. O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, mostrou o seu apoio a este proxecto na presentación do evento.

Sombras na noite é unha serie de misterio feita con plastilina, bonecos que cobran vida na gran pantalla grazas ao traballo dun grupo de galegos que dende Artefacto Produccións conseguiron sacar destes monicreques as expresións máis dramáticas. O director do proxecto, Fernando Cortizo, ideou o traballo realizado mediante a técnica de stop-motion a partir de actores de carne e óso que prestaron as súas caras, a súa voz, e os seus movementos para dar vida aos personaxes de plastilina.

Son en total 13 capítulos de 13 minutos orientados cara a un público obxectivo adulto, e cunha gran elaboración dos decorados, tan só para este primeiro capítulo fixeron falta tres meses de traballo. Tras realizar outros filmes como O ladrón de bonecas ambientada en Compostela, Fernando Cortizo enrólase agora neste proxecto que conta coa especial colaboración do concello de Boiro e está coproducido pola produtora catalana In Vitro Films.

A serie está ambientado en trece cidades, tres delas galegas, e conta con 23 actores e un narrador. A primeira das curtas, Leo conta a historia de Víctor, un ventrílocuo que xunto ao seu boneco, que dá nome ao filme, achégase ao final da súa carreira. O protagonista, doente dunha grave e longa enfermidade que lle fixo perder partes do seu corpo, atópase ao límite das súas forzas. O paso dos anos fixo que a súa relación con Leo se convertira en insostíbel por mor da fama e a popularidade.

Bonecos de carne e óso
Para os actores que participan na serie, esta é unha gran oportunidade, xa que están a vivir unha "experiencia única". Segundo indica Carlos Blanco, é como "ser ti en boneco actuando", e isto é unha sensación moi rara. Pola súa banda, Pico Oliveira mostrouse moi impresionado coa veracidade das actuacións dos seus homónimos de plastilina, e bromeou dicindo que "os bonecos nos superan, non se poñen nerviosos e cobran moito menos".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, mostrouse moi satisfeito ao ser Compostela a cidade que acolla a presentación desta obra audiovisual "de grande calidade", e destacou que no noso país hai "produtos audiovisuais de primeiro nivel, que van ter unha magnífica acollida e unha tremenda repercusión".

Compartir: