EDUCACIÓN

Un traballo sobre o traballo da lóxica matemática na aula gaña a V edición dos Premios Educacompostela

10/10/2007 O xurado da V edición dos Premios Educacompostela elixiu como gañador o traballo denominado "Como traballar a lóxica matemática a partir das rutinas da aula", realizado en conxunto por alumnos de varios centros e que recibirá un premio de 1.200 euros. O segundo traballo clasificado correspondeu a un traballo do IES Eduardo Pondal de Santiago (900 euros) e o terceiro a un do IES Portovello de Ourense.

Os Premios Educacompostela celebran neste 2007 unha nova edición, na busca de recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica. Os premios serán entregados polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, nun acto que se celebrará nunha data aínda por determinar no Salón Nobre de Raxoi,

O traballo gañador, "Como traballar a lóxica matemática a partir das rutinas da aula", foi realizado por un extenso grupo de traballo composto por María Blanco Corral (CRA de Teo – Bamonde), Mª Dolores González Marquina (CRA de Teo – Oza) , Manuel Ángel Masaguer Rodríguez (CRA de Teo – Campos), Mª Ángeles Pousa Díaz (CRA de Teo – Aido), Nuria Fernández Fariñas (CEIP de Laredo – Redondela), Mª José Iglesias Valiño (CEIP Figueroa – A Estrada), Begoña López Fernández (CEIP de Portonovo), Mª Nora Pousa Díaz (CEIP A Ramallosa – Teo) e Susana Viqueira Cobas (CEIP Pérez Viondi – A Estrada).

O "Programa de acollida ao alumnado estranxeiro", galardoado co segundo premio, é obra dun grupo coordinado por Susana Marina Blanco Baluja e integrado por Rita Amigo Seisdedos, Concepción Abuín Méndez, Marián Arauxo Muíños, Mª Isabel Barreiro Gundín, Valentín Castellano Méndez, Mercedes Espiño Amil, José Mosquera Almuíña, Mª Isabel Pereiro Raposo, Mª Jesús Ríos Creo e Ana Formoso Remesar, todos eles do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.

O terceiro premio foi parar ao traballo titulado "Nova antoloxía latina" e foi presentado por Óscar Sánchez Vidal, do IES Portovello de Ourense. Tamén houbo unha mención para o traballo denominado "Árbores que arrolan poemas", de Mª Dolores Domínguez Díaz, do CEIP Ramón Cabanillas, en Santiago.

Do 28 de marzo ao 30 de xuño puidéronse presentar na Concellaría de Educación e Mocidade estes materiais didácticos orixinais, dirixidos aos diferentes niveis de ensino. Podían tratar sobre aqueles temas que o profesorado considerara oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria.

Compartir: