URBANISMO

A principios de 2008 estarán en execución ou contratados os últimos polígonos previstos no PXOU, cunhas 3.600 vivendas

27/07/2007 Os últimos polígonos de vivendas previstos no pechado Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) e contemplados no programa da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) estarán en execución ou contratados a principios de 2008, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. As obras de urbanización dunha destas superficies, a do SUNP-14, en Tras Paxonal, foron adxudicadas no Consello de Administración da empresa municipal celebrado en Raxoi, por un importe de 3.943.005 euros.

No SUNP-14 construirase un total de 382 vivendas, das que 13 serán vivendas unifamiliares para realoxo dos propietarios de casas que se verán afectados. Do resto, 369 vivendas, un bloque reservarase para vivendas de réxime especial (sociais) e os outros cinco bloques serán de réxime xeral ou de prezo taxado.

Este conxunto de vivendas, situado a carón do vieiro Santiago de Cuba e detrás do restaurante Paz Nogueira, será un "polígono privilexiado", en palabras de Sánchez Bugallo, pola súa calidade e ubicación. A súa superficie total é de 74.757 metros cadrados, con máis de 21.364 metros cadrados de zonas verdes e libres, e 20.612 de viario público. Tamén se fai unha reserva de 8.000 metros cadrados para un colexio público.

As obras de urbanización comezarán a finais de setembro. Nestes momentos estase a completar o proceso de expropiación, á espera da sinatura dos últimos propietarios.

2.600 vivendas protexidas
As obras neste polígono únense a outras actualmente en marcha. En concreto, estanse a executar dous polígonos de vivenda protexida, o SUNP-22 de Castro de Abaixo e o SUP-7 de Pontepedriña, que suman case 1.000 vivendas; e outros dous de vivenda libre, en Cornes e Santa Marta, con máis de 1.000 vivendas en total.

A estas únese a devandita adxudicación de Tras Paxonal, e están en licitación as obras no SUNP-5 da Muíña (San Lázaro) e as do SUNP-11 do Castiñeiriño, que suman outras 600 vivendas. O alcalde indicou que "nos queda por desenvolver o SUNP-12 de Lamas de Abade, do que o proxecto de expropiación están en exposición pública".

Deste xeito, apuntou Sánchez Bugallo, "a principios de 2008 quedarán en execución ou contratados todos os polígonos de vivenda previstos no PXOU e presupostados por Emuvissa". Son unhas 3.600 vivendas, das que 2.600 son protexidas.

Compartir: