MEDIO RURAL

Asinado por todos os grupos da corporación o Pacto polo Rural

18/03/2023 O alcalde anunciou que o próximo luns a Xunta de Goberno local daralle luz verde á creación do Consello de Medio Rural con vistas a poder aprobalo no pleno deste mes de marzo. Sánchez Bugallo que comprometeu ademais a chegada da fibra óptica "aos máis de 200 núcleos do rural antes do 31 de decembro deste ano".

O Auditorio de Galicia foi hoxe o pano de fondo do acto solemne de firma do Pacto polo Rural organizado pola Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa). O alcalde e as voceiras e voceiro dos grupos que constitúen a corporación asinaron o pacto comprometéndose a "eliminar desigualdades entre o urbano e o rural" e traballar para "equipar o rural compostelán de servizos e mellorar infraestruturas".

A presidenta de Ferusa, Cruz Vázquez destacou que o pacto é o "primeiro chanzo" dun proceso longo, pero recoñeceu o "mérito que ten chegar ata aquí" cun traballo que "é froito dun esforzo colectivo e prolongado no tempo". Tamén o alcalde recoñeceu o traballo das entidades e asociacións do rural para construír este documento que "é unha folla de ruta de oito anos".

Sánchez Bugallo que anunciaba ademais que, na senda de dotar de servizos o rural na procura de oportunidades de investimento e de negocio "antes do 31 de decembro os máis de 200 núcleos rurais de Santiago contarán xa con acceso á fibra óptica". Explicaba o alcalde que arredor de 140 dos núcleos xa teñen acceso á fibra óptica, e para o resto xa está en marcha o proceso "para que esta conexión coa alta velocidade facilite o asentamento de empresas e o impulso empresarial".

O alcalde facía ademais balance, cifrando en máis de 15 millóns de euros os investimentos realizados, en marcha e comprometidos no rural. "O selado do vertedoiro de Aríns, a rehabilitación da Ponte de Vidán, a rexeneración de Santa Teresa Jornet ou o acondicionamento dos centros socioculturais da Gracia ou da Peregrina" son exemplo de actuación que estaban pendentes, que se acometeron e que debuxan unha folla de ruta na que o rural recupera o peso que merece".

Luz verde ao Consello de Medio Rural

Sánchez Bugallo adiantaba ademais que na xunta de goberno local do próximo luns está previsto darlle luz verde á creación do Consello de Medio Rural co obxectivo de que se someta a aprobación plenaria neste mes de marzo. Este "é o órgano que acordamos para o control, supervisión e seguimento do documento que hoxe suscribimos" explicaba o alcalde que recoñecía as "oportunidades e o capital absolutamente extraordinarios" do rural compostelán pero tamén os "retos" que supoñen a súa amplitude.

"O rural ocupa unha zona de 220 km2, temos 29 parroquias, 21 puramente rurais pero hai outras oito que teñen compoñentes mixtos como é o caso de Angrois, Conxo ou Sar" explicaba o alcalde que destacaba tamén a dispersión da coboación con parroquias de máis de 2.000 habitantes e outras de menos de 200.

Pacto polo rural

O documento, hoxe asinado por tódalas forzas políticas e proposto a iniciativa da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa), fixa como un dos obxectivos prioritarios o de "solventar as carencias en servizos básicos e asegurar a conservación e mantemento da rede viaria" empregando os fondos POS da Deputación da Coruña e fondos propios, así como asignar o "1% do orzamento anual" e outras achegas adicionais.

Os principios inspiradores do Pacto polo Rural son o equilibrio territorial entre as zonas rurais e urbanas, a sustentabilidade económica e a transversalidade nas políticas das distintas áreas. O documento recolle 35 accións agrupadas en 7 bloques temáticos: servizos básicos; planeamento; mobilidade; desenvolvemento sostible; medio ambiente, cultura, ocio e benestar; información, comunicación e participación; e seguimento.

Entre as accións detalladas nesta folla de ruta recóllense a de dotar aos núcleos rurais de servizos básicos de abastecemento de auga, saneamento, limpeza e xestión do lixo; moderar o sobrecusto na vida rural; así como mellorar a mobilidade e conectividade entre o rural e a cidade, como dentro do propio rural coa posta en marcha dun servizo de transporte a demanda ou a instalación de sinalética e marquesiñas.

Ademais, tamén se pretende promover un desenvolvemento económico sostible apoiando a creación de iniciativas empresariais e a economía circular; preservar e mellorar a calidade ambiental; mellorar a calidade de vida no rural co reforzo das actividades socioculturais ou a creación de sendas peonís e cicables; e afondar no achegamento da poboación urbana ao rural e evitar o illamento do rural acadando o 100% de acceso a internet a través da fibra óptica, entre outras medidas.

En concreto, o documento prevé que "para o ano 2023", o Concello faga unha achega "necesaria e suficiente para levar a cabo o subministro de auga ás aldeas con seca de manancial nos últimos tres anos e para a rede de abastecemento naqueles núcleos de poboación nos que resten menos de 500 metros ao punto de conexión"

Rural compostelán

Con 220 km2 Santiago de Compostela é un dos concellos con maior superficie de Galicia, e o segundo en tamaño da provincia da Coruña, sendo máis do 86% da súa superficie netamente rural, xa que non se inclúe neste cómputo a superficie rural das parroquias máis próximas ao centro urbano, que poderían clasificarse de rururbanas. Esa cifra implica por si propia un territorio rural vastísimo. De 190 km2, extensión superior á de 289 dos 313 municipios galegos.

Do gran tamaño do rural compostelán da conta tamén, entre outros, a distancia desde o centro urbano ata os núcleos de poboación máis afastados, sendo así que, por exemplo, desde a praza do Obradoiro, ata o lugar de Pousada, na parroquia de Cesar, contabilízanse un total de 18.7 km, que supoñen case media hora en coche.

Por outra parte, o rural de Santiago de Compostela está conformado por 21 parroquias, incluíndo só as de carácter íntegramente rural, tal como queda dito máis arriba. Estas son: Aríns, Bando, Barciela, Busto, Carballal, Cesar, O Eixo, A Enfesta, Fecha (Santa Cristina), Fecha (San Xoán), Figueiras, A Gracia, Grixoa, Laraño, Marantes, Marrozos, Nemenzo, A Peregrina, A Sabugueira, Verdía e Villestro. Esas 21 parroquias rurais están conformadas por un total de 215 núcleos de poboación, e supoñen arredor do 15% da poboación total de todo o municipio.

Compartir: