ALCALDÍA

Santiago homenaxea ao doutor Carro Otero coa inauguración dunha rúa co seu nome

03/02/2023 O Concello de Santiago rendeu hoxe homenaxe ao doutor José Carro Otero, falecido en 2021, bautizando unha rúa co seu nome. Ao acto, que tivo lugar esta mañá, asistiu o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, membros dos grupos municipais, representantes das principais institucións, da sociedade civil compostelá, das forzas e corpos de seguridade e da familia do homenaxeado, entre eles os seus fillos Gonzalo, Susana e Santiago.

O rexedor compostelán salientou a figura "dun gran amigo, persoa admirada e querida" que o Concello homenaxea poñendo o seu nome a unha rúa no barrio do Castiñeiriño e co recoñecemento de fillo predilecto, acto que se realizará en vindeiras datas.

De Carro Otero, Sánchez Bugallo destacou que era "a persoa que coñecía máis historias e que mellor as contaba. Era moi difícil estar aburrido ao seu lado", remarcou. Tamén salientou que "foi un santiagués que quería profundamente a Santiago" e fixo fincapé na súa capacidade para dedicarse a múltiples a tarefas: "era un home non polifacético, senón multifacético: médico, antropólogo, arqueólogo…pero o nexo de unión entre todos elas era o orgullo de ser cidadán de Compostela", paixón por unha cidade que o levou a ser concelleiro nos anos 70 e 90.

"Era entrañable e moi querido, por iso, cando se produciu o seu pasamento, todos os membros da Corporación entendemos que era necesario darlle continuidade ao que significa José Carro Otero" para Santiago de Compostela. "A cidade hónrase en recoñecer a un fillo predilecto".

En representación da familia interviu Gonzalo Carro, fillo do homenaxeado, que agradeceu aos membros do Consello de Condecoracións do Concello a aprobación por unanimidade do acordo polo que se lle dedica unha rúa a seu pai. Deste xeito, sinalou, "pasa a formar parte da historia viva de Santiago". O amor pola súa cidade de nacemento foi posto de manifesto tamén por Gonzalo Carro, que recordou a seu pai como unha persoa traballadora e humilde, "incapaz de dicir que non a calquera solicitude de axuda". Salientou, así mesmo, a súa capacidade de colaboración "con todas as institucións: foi un auténtico embaixador de Galicia e de Santiago dentro e fóra do noso país". En nome de toda a familia, agradeceu as mostras de apoio e de cariño que recibiu de todos os ámbitos, así como os actos de homenaxe que se sucederon tras a súa morte.

José Ignacio Carro Otero, nado en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1942 e finado na mesma cidade o 23 de abril de 2021, foi un médico, antropólogo, docente e académico galego, ademais de destacado investigador da historia e da arte.

Compartir: