ALCALDÍA

O alcalde reúnese coa veciñanza afectada polos problemas de convivencia na rúa de Touro

24/01/2023 Representantes do bloque número 12 da rúa de Touro, afectados polas actitudes incívicas dun veciño do que denuncian "ruído e incluso ameazas", reuníronse co alcalde, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e inspectores da Policía Local. Logo do encontro, Muíños confirmou que se "incrementará a frecuencia dos controis da Policía Local para darlle seguridade á veciñanza e tentar poñer fin a unha situación que non é agradable para ninguén".

Xa nos últimos días a Policía Nacional reforzou a súa presenza na zona, algo que segundo manifestaron os veciños, está surtindo efecto. Ante os problemas de convivencia, increméntanse os controis de seguridade, aínda que tamén se lle pide á veciñanza que denuncie calquera acción que atente contra a convivencia normal e harmónica do barrio.

"Aconsellámoslles que denuncien, tanto á Policía Local como á Nacional ou que incluso recorran ao xulgado ante calquera incidente ou ameaza, porque iso axuda a xustificar a presenza policial, e tamén permite levar un control máis rigoroso dos prexuízos que xenera este individuo na convivencia normal da comunidade", explicou o concelleiro. A presidenta da comunidade de veciños, Pilar Sisto, recalcou que se sentiron "escoitados" e agarda que este reforzo policial axude a normalizar a situación.

Compartir: