MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago e Viaqua lanzan unha campaña para sensibilizar sobre o uso incorrecto dos sumidoiros

14/12/2022 O obxectivo é concienciar á cidadanía da importancia dun uso responsable e do impacto dos residuos que tiramos polos sumidoiros. A empresa concesionaria da auga promove esta campaña xunto ao Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela, Compostela Monumental e o Proxecto EM-REDE.

Viaqua, empresa galega que xestiona o ciclo integral da auga en Santiago de Compostela, lanza unha campaña para concienciar aos composteláns e compostelás sobre os graves danos que ocasionan os residuos que se tiran polos sumidoiros da cidade, facendo un chamamento á poboación para que non guinde ningún tipo de desperdicio baixo o lema: Nos sumidoiros só auga de chuvia!

Xunto ao Concello de Santiago, a Asociación Hostalaría Compostela, Compostela Monumental e o Proxecto EM-REDE, fan un chamamento á veciñanza para que tomen conciencia, non só do custo económico, senón tamén dos problemas ambientais derivados de empregar os sumidoiros como papeleira, xa que eses residuos poden acabar chegando aos nosos ríos e mares e entrar na cadea alimenticia da que todos formamos parte.

A concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Mila Castro, destacou a importancia de levar a cabo este tipo de campañas, "Nos sumidoiros só auga de chuvia! Esta é a mensaxe que pretendemos transmitir á toda veciñanza para concienciar sobre as problemáticas que causan verter diferentes tipos de residuos na rede de sumidoiros da nosa cidade".

Algúns comportamentos como tirar cabichas, latas, plásticos ou verter a auga logo de fregar, poden provocar atascos, malos olores e contaminación nos mares e ríos, xa que non sempre están conectados á rede de saneamento e poden acabar nos nosos ríos e mares. En casos máis extremos, chéganse a tirar pinturas e aceites que contaminan milleiros de litros de auga.

Ana Tejeiro, xerente de Viaqua en Santiago de Compostela, expuxo como un mal uso dos sumidoiros supón un gran problema para a cidade. "En Santiago contamos cuns 14.000 sumidoiros, onde cada anos se producen máis de 200 atascos. Temos que sensibilizar á poboación de que os sumidoiros non son unha papeleira, o que tiramos por eles chega directamente ao cauce dos nosos ríos. É moi importante que a rede de sumidoiros recolla soamente auga de chuvia".

Trátase dunha campaña participativa que pretende animar a toda a cidadanía e empresas a participar, poñendo á súa disposición diferentes materiais como carteis para colocar en tendas ou locais de hostalaria, cartelaría con xestos que podemos adoptar e deseños para compartir a través de redes sociais.

O presidente da Asociación Hostelería Compostela, Thor Rodríguez, agradeceu a predisposición de todos o colaboradores coa campaña e puxo en valor a colaboración público-privada para a mellora da cidade. "É moi importante que dende o sector hostaleiro colaboremos con esta campaña para reducir o impacto que xeramos e deixar atrás certas prácticas como tirar a auga logo de fregar polos sumidoiros. Trátase dunha campaña moi directa e con mensaxes moi claras que entendemos dende o primeiro momento cunha única finalidade, coidar dos nosos ríos e contornas naturais".

No tocante ao sector comercial, o representante de Compostela Monumental, José Ángel Blanco, expresou o apoio e involucración de toda a asociación ante "un labor que é de todos. Temos que ter coidado e non tirar nada polos sumidoiros".

Cinco xestos que se deben evitar

Para evitar estas accións, Viaqua propón 5 xestos a evitar para coidar os sumidoiros:

1. Tirar cabichas. Unha cabicha contamina 50 litros de auga.

2. Arroxar a auga con lixivia ou deterxentes logo de fregar. Mata a fauna dos ríos.

3. Verter produtos como aceite ou pintura. 1 litro de aceite contamina 1.000 litros de auga.

4. Tirar papeis ou plásticos. Acaban convivindo coa fauna dos nosos ríos e mares.

5. Varrer as follas, papeis e residuos en xeral cara os sumidoiros. Provocan grandes atascos.

Os materiais da campaña como carteis e folletos serán repartidos polos locais de hostalaría e comercios de Santiago e tamén estarán dispoñibles para descargar a través da web de Viaqua.

Direccións relacionadas



Compartir: