XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a licitación de tres infraestruturas deportivas para o barrio de Conxo, por un importe de case 150.000 euros

03/10/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa reunión de hoxe, distintos expedientes de contratación e servizos básicos, destacando a licitación de tres infraestruturas deportivas para o barrio de Conxo por un importe cercano aos 150.000 euros. Tamén se abriron os procedementos de adxudicación do servizo de teatro de barrio dos Centros Socioculturais, e da renovación da área de xogos infantís do parque de Pérez Lugín, en Pontepedriña.

Os espazos deportivos previsto para Conxo son unha pumptrack, licitada por un importe de 48.399,99 euros. A obra descrita no proxecto construtivo articúlase en 3 rectas e 6 curvas, con acceso desde a rampla situada na Rúa de Emilio Pardo Bazán. O deseño trata de ocupar a maior superficie do terreo proposto en zonas de rodaxe, mantendo os radios de curvaturas adecuados para este tipo de instalacións. Ocupará 440 metros cadrados, co obxecto de poder ofrecer aos usuarios zonas aptas onde practicar as súas habilidades co deseño máis adecuado.

Tamén se licitou a pista de voleibol, cun orzamento de 48.328,92 euros. A obra descrita no proxecto construtivo sitúase a carón da pista de skate, no nivel superior das gradas no seu lado sur, sen grandes desniveis nin arboreda, cun pavimento de terra compactada. A pista de voleibol será de 25×16 m² con pavimento de formigón e incluirá un valado con malla de nailon de 6 m de altura.

E aprobouse, a maiores, a licitación da pista de skate, cun orzamento de 48.399,99 euros. A obra descrita no proxecto construtivo ten por obxecto dinamizar a contorna, mellorar a escena dos deportes urbanos (skateboard) e facer mais inclusivo este espazo público.

Por outra banda, deuse o visto bo, á apertura do procedemento de adxudicación do expediente de "Subministración e instalación de elementos novos para a renovación da área de xogos infantís do parque de Pérez Lugín", situado na zona de Pontepedriña, por un importe de 59.997,85 euros.

Tamén se licitou, o "Servizo Teatro de barrio nos centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela", cun orzamento de adxudicación de 69.408,50 euros. A duración do contrato será de dous anos, podéndose prorrogar por dous mais.

A maiores, deuse luz verde á licitación do "Servizo de mantemento e apoio para a administración, configuración e explotación de todos os módulos da solución de administración electrónica subministrada por T-SYSTEMS IBERIA SAU", por un importe de 114.708 euros.

Autorizouse, ademáis, a recepción da obra de remate do tratamento arquitectónico do límite leste do parque da Alameda (Muro do Pombal – fase I).

Por outra banda, o executivo municipal aprobou os textos dos convenios coa Asociación Cultural O Galo, por importe de 5.000 euros; co Centro Comercial As Cancelas Siglo XXI e o Concello de Santiago de Compostela para a colaboración nas festas do Apóstolo 2022; sen custe para o Concello; e coa Xunta de Confrarías de Semana Santa de Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun programa de actividades e promoción da Semana Santa por importe de 3.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: