XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba un gasto complementario dun millón de euros para o Servizo de Axuda no Fogar

30/09/2022 A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe un gasto complementario para o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) por importe de 1.001.095.89 euros para atender as listas de agarda de dependencia e as de libre concorrencia. O importe inicial do contrato coa empresa Servisar, Servizos Socias, SL, era de 9.240.144,24 (IVE engadido), increméntandose agora ata acadar os 10.241.240,13 euros.

Segundo a proposta que foi a Xunta de Goberno, presentada polo departamento de Políticas Sociais, que dirixe Mila Castro, para poder dar cobertura as necesidades de atención persoal e doméstica existentes na poboación de Compostela, é imprescindible realizar unha modificación do contrato, cun incremento de 600.000 euros ao ano, que supón o 19,48 % do importe do contrato anual. O aumento da anualidade deste ano e de 151.232,88 euros; o da anualidade de 2023 é de 600.000 euros e o de 2024, de 249.863,01 euros.

O obxectivo do SAF é dar cubrir as necesidades persoais, domésticas, de acompañamento social, educativas e complementarias da poboación residente no termo municipal de Santiago de Compostela que se atopa nunha situación de vulnerabilidade social: persoas dependentes, persoas maiores, persoas con enfermidades crónicas ou en risco social, etc.

Compartir: