ALCALDÍA

O Concello rende homenaxe ao garda civil Manuel Vázquez Cacharrón, asasinado pola banda terrorista GRAPO

01/10/2022 A praza de Abastos acolleu esta mañá a homenaxe que o Concello lle rendeu a Manuel Vázquez Cacharrón, garda civil asasinado en 1978 pola banda terrorista GRAPO. No acto participaron os seus familiares, entre eles a súa filla Beatriz Vázquez Cardama; o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, outros membros do goberno, representantes dos distintos grupos municipais e da Garda Civil e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

O 28 de agosto de 1978, o garda civil Manuel Vázquez Cacharrón era asasinado na praza de Abastos de Santiago por dous membros do grupo terrorista GRAPO, que lle dispararon mentres se atopaba no interior do recinto. Dende hoxe, unha placa recorda os feitos e réndelle homenaxe ao funcionario, natural de Arzúa, que levaba máis de trece anos traballando na Garda Civil e que estaba destinado no Servizo de Información de Santiago.

O seu nome tamén bautiza unha rúa, na zona de Pontepedriña, que foi inaugurada en 2010 coa presenza da súa viúva e os seus fillos. O GRAPO asasinou en Compostela a outros dous gardas civís no atraco ao antigo Banco de España en 1989. Pedro Cabezas González e a Constantino Limia Nogueira contan tamén cunha rúa na cidade.

Compartir: