ALCALDÍA

A praza de Abastos acolle o encontro gastronómico "Receitas para o recordo" con motivo do Día Mundial do Alzhéimer

30/09/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe na Praza de Abastos ao encontro gastronómico "Receitas para o Recordo", organizada pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) no marco das actividades para celebrar o día Mundial desta enfermidade. Este evento pretende poñer en valor a cociña tradicional galega e as mulleres que padecen alzhéimer.

"Receitas para o recordo" está enmarcado dentro das actividades organizadas pola Federación Alzhéimer Galicia con motivo do Día Mundial do Alzhéimer que se celebra cada ano o 21 de setembro.

O encontro gastronómico consistiu nunha mostra da nova cociña tradicional galega, elaborada por persoas con demencia (en fase leve), acompañadas polos prestixiosos cociñeiros galegos Lucía Freitas e Pepe Solla, que se encargaron de plasmar as receitas das mulleres afectadas por esta doenza en pratos actuais, que poderán ser servidos en calquera dos seus restaurantes Estrelas Michelin.

Estas receitas proceden do libro "Receitas para o Recordo", elaborado grazas a Azafranes Pote no 2018. Trátase dun proxecto solidario que pretende pór en valor a cociña tradicional galega e as mulleres con alzhéimer.

Esta iniciativa está organizado polo Federación Alzhéimer Galicia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Praza de Abastos, A Tafona, Eventos Pepe Solla, Azafranes Pote, Hijos de Rivera e Méndez Rojo.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL), é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 1998 da unión de varias asociacións de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias (AFAs) coa finalidade mellorar a calidade de vida das persoas que sofren alzhéimer e dos seus coidadores.

Compartir: